Entrevista a Berta Dávila en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? O entusiasmo, a paixón.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A alegría, a intelixencia, o trato afable.
3. E nunha muller? Tamén.
4. Que agardas das túas amizades? Cariños, sentido do humor, acompañamento.
5. O teu principal defecto? A impaciencia, sobrepensar. Son os que se poden dicir.
6. A túa ocupación favorita? Mirar arredor. Viaxar.
7. O teu ideal de felicidade? Algúns momentos moi concretos de plenitude durante a lectura ou a escritura. Quen o experimentase sabe, creo, a que me refiro.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a lucidez.
9. Que che gustaría ser? Alguén que coida un xardín.
10. En que país desexarías vivir? Case sempre no último sitio novo que visitase, que pode ser Berlín ou Combarro. Un país é un territorio grande de máis para desexar. Adoita ser máis pequeno ou máis concreto o que se desexa de veras: unha cidade ou un lugar, unha rúa ou unha casa.
11. A túa cor favorita? O branco.
12. A flor que máis che gusta? O tulipán.
13. Que paxaro prefires? O que regresa no verán. En xeral os paxaros prodúcenme algo de temor, penso.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Son máis leal a unha cita, a un libro ou así. Estou lendo a Ana María Matute. Levoume a ela El libro de Ana María, que edita Jorge de Cascante para Blackie Books. Agora leo Los hijos muertos. Tamén leo estes meses a Patricia Highsmith e os contos de Alice Munro, porque sempre chego tarde a todo.
15. E poetas? Ultimamente leo moito a Mary Oliver.
16. Un heroe de ficción? Atticus Finch.
17. Unha heroína? Norma Desmond, de Sunset Boulevard. Doña Mariana, de Los gozos y las sombras. «Los churruchaos se venían abajo, vendían las tierras, y Don Enrique bebía en las tabernas. Aunque no fuesen respetables, había la costumbre de respetarlos». Hai moito que non leo a novela, recordo que os personaxes eran todos bastante memorables. Cécile, de Bonjour tristesse, de Françoise Sagan.
18. O teu músico ou música favorito/a? Un disco: As 69 Love songs, de The Magnetic Fields. Joni Mitchell e María Dolores Pradera, por razóns parecidas. Calquera disco de Leilía. «Ela é dançarina», de Chico Buarque. «Everything happens to me» ou «I get along without you very well», de Chet Baker. Ella Fitzgerald cando canta «It’s only a paper moon». «Tristeza do Jeca», con Maria Bethânia e Caetano Veloso. «Barco Negro», de Amália Rodrigues. Escollín algunhas cancións e logo decateime de que todas forman parte da miña «educación sentimental».
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Fascíname no último tempo unha pintura, «Family portrait II» de Florine Stettheimer. «Les Oréades» de Bouguereau. «Le Printemps» de Millet. Tamén «Little girl in a Blue Armchair», de Mary Cassatt. As esculturas de «Foreigners» de Claudia Fontes.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Un pouco ninguén e todo o mundo, nun momento dado.
21. O teu nome favorito? O nome de meu pai e de meu avó: Manuel.
22. Que hábito alleo non soportas? A estupidez.
23. Que é o que máis detestas? O abuso de poder, o arribismo, ese tipo de cousas. A condescendencia. A humidade ambiental.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Non teño unha relación tan íntima coas figuras históricas. Os pequenos déspotas e os tiranos do día a día.
25. Un feito histórico que admires? Emocióname moito desde unha clave penso que un pouco estraña o vídeo da chegada dos restos de Castelao, as imaxes e a narración de Tereixa Navaza.
26. Que virtude desexarías posuír? Gustaríame ser unha desas persoas que están sempre en calma, conservar unha actitude flegmática.
27. Como che gustaría morrer? Sen padecemento, despois de vivir moito e ben. Ou non sei se moito, pero si coa sensación de que pagou a pena. De todas formas non penso demasiado nisto.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? En xeral son un pouco agónica con todo. Preocupada por algo. Doada de parodiar nunha sitcom.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Son máis indulxente cos defectos que teño eu tamén, creo.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Préstame un refrán español: «Una golondrina no hace verano», e o berro do Chapulín Colorado: «Síganme los buenos». Isto último sobre todo.”