Emma Pedreira: “Prefiro as mulleres contándose a si mesmas, co coñecemento que temos de nós desde núcleo”

Entrevista a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Os libros que hai en min] xurdiu como un encargo da editora. Como tomaches este reto, como quixeches enfocalo?
– Emma Pedreira (EP): Nun principio fun algo reticente. Fixen moitas preguntas para saber por que eu, como querían que o enfocase, a que público orientalo; a liberdade que me deron en Cuarto de inverno amosoume unha confianza absoluta pero creoume certa vertixe. Quen son eu para falar de libros e como interesar ao público lector sobre o que teño lido durante a metade da miña vida?
Quixen enfocalo a través da empatía, non crear un enxendro pedante pontificando sobre o canon ao estilo Harold Bloom senón ser próxima, explicar con naturalidade a miña relación -que é tan natural- cos libros e coas palabras e coa escrita. Enfoqueino como unha conversa, porque conversar de libros con Jamardo e Cortizo é tal cal este libro, divertido, rexoubeiro, desordenado, cheo de saltos no tempo, de calotes moitas das veces e de esaxeracións, pero cun inmenso amor polo libro, que é o que nos move ás tres e ao meu público lector.
– P: O libro presenta unha Emma Pedreira amante dos libros, como Bibliópatas e Fobólogos. Desta volta son tamén pequenos textos, pero digamos máis persoais. Cal é a relación entre estas dúas obras?
– EP: Á vista do feedback que tivo Bibliópatas e vendo como o meu humor persoal fai que a crítica entre mellor, decidín ser natural, ser autenticamente eu e deixarme ir contándome, igual que fixen nesa obra. Hai unha narrativa máis do eu pero menos ficcional, o que pode convertelo nunha cousa a medias entre a biografía e a autoficción pero está claro que crea unha ponte, pola temática e o ton, con aquel outro libro, co que dialoga moitas veces.
– P: Defíneste como lectora serodia. De nena non che gustaba ler e ademais facíanche limpar o po dos libros do avó. Por que cres que nese momento os libros non che chamaban a atención?
– EP: Creo que obrigarte a facer unha cousa mata a túa curiosidade e converte a cousa nun obxecto de odio. Por iso a rapazada identifica ler (e sobre todo en galego) cos textos das aulas, cun libro de texto máis, e non con lecer, con escolla persoal, con pracer e liberdade.
Se no lugar de limpar os libros tivese que ordenar os clixés e as fotografías do meu avó, se cadra odiaría o fotográfico, igual que de nenas odiamos recoller o cuarto, encartar a roupa ou facer a cama. Vémolo como algo imposto que nos resta tempo de facer o que nos gusta. Cando puiden escoller, volvín a eles, pero cando quixen, como quixen e aos que quixen. (…)”