Un libro das memorias da Limia e “para todos os públicos”

Do medio Dende a Limia:
“Na xornada na que se homenaxeaba a figura do escritor e poeta de Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán, con motivo do 17 de maio, outro escritor, Rafael Laso, natural de Xinzo, presentaba na vila a súa última obra, A revolta da lagoa. No acto, celebrado ao aire libre, estiveron presentes, ademais do novelista, a alcaldesa Elvira Lama, o concelleiro de Cultura e o tamén escritor Miguel Anxo Alonso Diz.
A rexedora agradeceu ao autor pensar en Xinzo e en tal data conmemorativa para presentar a súa nova obra. Rafael Laso, comezou dicindo Elvira Lama, “é un home moi centrado na súa profesión -enxeñeiro técnico industrial pola Universidade de Vigo- ao que aínda queda tempo para compaxinar o seu traballo coa literatura e coa arte de contar para os demais. Pero é sobre todo un limiano de nacemento, de corazón, por iso é polo que en parte da súa obra estea a Limia como escenario dos seus relatos”. A obra ten á lagoa de Antela e aos seus habitantes como protagonistas e, aínda que está pensada para o público xuvenil, “os relatos non teñen por que ter etiquetas e poden ser para todas as idades, porque todos podemos ver parte da nosa historia reflectida en eles”, expuxo a alcaldesa, quen agradeceu a presenza no acto do escritor Miguel Anxo Alonso Diz, tamén de ampla traxectoria literaria, quen tomou a palabra a continuación.
Dixo Alonso Diz que A revolta da lagoa –con ilustracións de Ximena Maier- ben podería ser un libro de varias memorias, comezando polas memorias de lugares e sons como “as campás da vella cidade asolagada”, “as torres do castelo” ou a “aldea vella”, que permanecen na memoria colectiva limiana. Tamén é un libro que fala “da memoria das palabras”, expuxo na súa intervención, no que os máis novos van atopar desde pombas a cucos, cotovías, carrizas, paparroibos, sapos, morcegos e moitas outras especies para as que é necesario “que a nosa rapazada siga nomeándoas, porque o que non se nomea non existe”. Ademais de animais hai soutos, chairas e unha infinidade de árbores como bidueiros, ameneiros, salgueiros, castiñeiros ou carballos”.
Quedaba por referir a Alonso Diz outra memoria, a “asolagada”, que é “a memoria da emigración, a memoria de nós como pobo” para finalizar dicindo que Laso escribira “un libro sen idade, para grandes e pequenos, unha obra que dá voz aos animais e que nos leva á reflexión sobre o impacto de nós sobre a terra”.
A revolta da lagoa fixo regresar á súa casa que é Xinzo a Rafael Laso para explicar como foi o proceso de creación dunha obra que aborda, desde unha perspectiva diferente, un dos maiores acontecementos da comarca na segunda metade do século XX: a desecación da lagoa de Antela. Laso (Xinzo, 1965) non o lembra en primeira persoa pero si da man dos seus pais e avós e numerosos veciños da vila. A idea do libro, expuxo o novelista, “veume no ano 2016, cando se cumprían sesenta anos da aprobación da lei de desecación da lagoa”. Levoulle algo máis dun ano escribilo e non o fixo tomando parte desde unha perspectiva determinada –se foi un feito bo ou malo- senón para contar a visión de quen realmente eran os habitantes e propietarios do acuífero, os animais. (…)”