Entrevista a María Alonso Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): A novela Red Lion é a historia de Lolita Dinamita. Como xorde esta personaxe?
– María Alonso (MA): É unha personaxe que levaba traballando moitos anos dende que escoitara unha nova sobre a detención dun proxeneta que tiña un prostíbulo en Pontevedra onde unha muller que estaba alí retida desaparecera sen deixar rastro. Sempre fun moi consciente deste tipo de lugares onde as mulleres son obrigadas, na maior parte dos casos, a manter relacións sexuais con homes. Ao lado da miña casa en Matamá estaba o Mamba Negra e de camiño a un dos meus traballos en Coruxo estaba o Barbarella. Na maior parte dos casos, estas mulleres usan alcumes ou mesmo son simplemente anacos de carne sen nome. Con Lolita Dinamita quería traballar o empoderamento, sen caer na idealización, das mulleres que se rebelan contra un destino inxusto. Posiblemente isto foi o que aconteceu con aquela muller que desapareceu do prostíbulo pontevedrés e da que nunca máis se soubo.
– P: Lola habita un mundo fóra da lei, dominado pola violencia. O feito de centrar a historia nela muda totalmente o que podería ter sido o típico thriller contado desde o punto de vista masculino. Querías falar dese mundo desde a perspectiva das mulleres?
– MA: Por cuestións académicas levo algúns anos traballando con novela negra e non hai cousa que máis me cabree que decatarme de que o patrón do hardboiled norteamericano dos anos sesenta segue a reproducirse na novela negra actual. Ese patrón é, como ti dis, moi masculino: unha femme fatale sofre algún tipo de infortunio e un home atormentado acode na súa salvación para que todo volva ao seu lugar. Na novela negra latinoamericana dos últimos quince anos parece que houbo un intento de refundar o xénero pero caendo nos mesmos tópicos de muller-vítima e home ou ben vitimario ou ben salvador.
En Red Lion, Lolita Dinamita é vítima, sen dúbida, pero tamén é vitimaria e esa é unha idea moi atractiva coa que traballar. Certo é que hai moitos exemplos de novela negra onde a muller ten un papel diferente como pode ser o da detective, pero mesmo nestes casos parece que hai unha imposibilidade manifesta de cambiar os roles de xénero dentro dun xénero literario que parece que se está esgotando. Na miña novela quería que todas as personaxes fosen vítimas e vitimarias ao mesmo tempo para cuestionar o mesmo xénero da novela negra e ofrecer, á vez, unha especie de redención final. (…)”