Entrevista a Alba de Evan e Xabier Domínguez en La Región:
“(…) – La Región (LR): Segredos soterrados é o seu último libro.
– Alba de Evan e Xabier Domínguez (AEXD): Si, é unha historia de aventuras, onde a actualidade mestúrase co pasado a través de saltos temporais que van fiando a trama. Introducimos así á cativada nun episodio da nosa historia un tanto descoñecido: a presenza dos nazis en Galicia durante a ditadura. Entre os acontecementos que abordamos está o accidente de avión que tivo lugar en Calvos de Randín hai 70 anos, do que se conservan restos da fuselaxe nalgunhas portas do lugar. Unha trepidante aventura que viaxa á II Guerra Mundial e descobre a presenza nazi en Galicia, os tesouros agochados no subsolo e as tramas de corrupción que manexan o mundo. Apto para lectores de 10 a 99 anos.
– LR: É o seu libro número 20. Que supón isto para vostedes?
– AEXD: A verdade é que para nós é un soño que se cumpre, non porque soñásemos en publicar tanto, senón porque excede todas as nosas esperanzas no mundo da literatura. Gozamos moitísimo do proceso da escrita, pero o mellor é ver como esas historias que escribimos chegan aos seus lectores, que as aprecian e as desfrutan. A resposta dos lectores é excepcional e nunca viviremos o suficiente para agradecer a acollida que teñen as nosas obras, así como o agarimo co que nos tratan as libreiras, mestras e demais implicados.
– LR: Cando comezaron a publicar?
– AEXD: Pois a verdade é que foi un proceso natural, os dous estabamos de profes no mesmo centro educativo, e colaborábamos nun proxecto medioambiental. Escribimos catro contos para animar aos peques a participar no proxecto e fomentar a reciclaxe e valores ecolóxicos….gustáronlles tanto que pensamos que podería ter saída con algunha editorial. Así naceu a colección de contos Naturizo, e comezamos a escribir máis en serio. (…)”