Entrevista a María Reimóndez en Xerais:
“(…) – Xerais (X): Que buscabas cando sentaches a escribir esta novela?
– María Reimóndez (MR): Imaxino que buscaba unir os temas dó e boxeo. Ao estar pasando un proceso de perda moi agudo ábrese a interrogante de que pasa cando te enfrontas a esa situación noutros momentos da vida, a outras idades máis temperás, cando os recursos que tes e a situación vital son outros. A partir de aí empezou todo. Ademais, o boxeo é para min moi importante, aínda que pareza algo trivial. Apetecíame escribir sobre ese deporte, sobre ese espazo.
– X: O boxeo é fundamental no libro, como o son tamén os prexuízos. Esta obra demostra que os libros son unha ferramenta excepcional para derrubalos, non si?
– MR: En xeral, cando falamos de mulleres, de persoas con expresión de xénero non estereotípicas, o deporte é un espazo hostil. Pero curiosamente, na miña experiencia, o espazo menos hostil que atopei foi o boxeo, que popularmente ten a imaxe de deporte violento, moi masculinizado —coma se os demais non o estivesen—… Hai unha serie de prexuízos arredor do boxeo porque precisamente, e penso que isto é o paradoxal, os ximnasios de boxeo son os espazos que teñen moitos homes para saír de situacións de marxinalidade. A «xente de ben» ve o boxeo como algo violento porque o reducen a pegarlle a alguén, pero o máis importante do boxeo é que require moitísima disciplina e control mental. Por iso é un espazo para persoas que precisan un lugar seguro nunha vida revolta. A xente que ten problemas non se mete a boxear para liberar violencia, o que fai o boxeo é establecer unha serie de disciplinas simplemente porque é imposible combater se non tes unha forma física excelente. Iso require constancia e preparación. Contan as estratexias de combate, a habilidade… É un deporte moi complexo que moitas veces se resume a que dous se están pegando.
– X: Esa visión ten moito de clasismo…
– MR: Totalmente. Tamén de racismo, porque é un deporte asociado a persoas racializadas. Entre as rapazas que o practican hai mulleres xitanas e romanesas, algunhas delas xa teñen gañado algún campionato. Hai un caldo de cultivo para que haxa unha visión social que non se corresponde para nada coa realidade. (…)”