Margarita Ledo e a plataforma Mina de Touro-O Pino Non, Premios Moncho Valcarce 2025

Desde Nós Diario:
“(…) O vindeiro 10 de maio a Irmandade Moncho Valcarce realizará o acto de entrega dos Premios Moncho Valcarce 2025, que este ano recollerán na categoría “Pola Promoción da Terra” a escritora e xornalista Margarita Ledo e na de “Pola Defensa da Terra” na Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino non. O ano pasado Nós Diario foi galardoado co premio “Pola Promoción da Terra”. Estes galardóns, que fan 22 edicións, son xa unha cita obrigada para homenaxear aquelas persoas, colectivos ou entidades que teñan unha traxectoria contrastada na defensa dos máis desfavorecidos, na defensa do noso idioma, da nosa cultura e da nosa identidade.
Margarita Ledo recibirá o premio na categoría “Pola Promoción da Terra”. A escritora, xornalista, decana da facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago (USC) onde exerce na actualidade como catedrática de Comunicación Audiovisual, académica numeraria da Real Academia Galega, Premio Nacional da Cultura Galega, fundadora e directora do semanario A Nosa Terra, é tamén directora de cine e activista social e cultural.
Na categoría “Pola Defensa da Terra” a Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino NON” será recoñecida pola Irmandade Moncho Valcarce polos oitos anos -desde 2017- que leva liderando a loita contra a reapertura da mina a ceo aberto para a extracción de cobre. (…)”