Desde a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia:
“A 41ª edición da MIT, organizada polo Concello de Ribadavia, e baixo a nova dirección formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, anuncia o outorgamento do Premio de Honra 2025 ao que fora o director da Mostra ata o ano pasado, Roberto Pascual.
Roberto Pascual foi director da MIT de Ribadavia dende 2009 ao 2024, unha importante etapa na que soubo facer da Mostra un evento de referencia tanto para a profesión e a cultura galega como para a escena internacional. Nestes anos a MIT avanzou e situouse entre os máis prestixiosos festivais de teatro, en diálogo con compañías, redes e circuitos escénicos de primeiro nivel. Á vez que mantivo o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador e renovador dos seus inicios históricos, alimentando o valor da cultura como pilar esencial para a cidadanía.
Este galardón instaurouse no ano 2000 co obxectivo de recoñecer publicamente a colectivos ou persoas notoriamente responsables do progreso e do bo labor nas artes escénicas galegas, contribuíndo á modernización e democratización social e cultural. Despois de 16 anos á fronte da Mostra, Pascual deixa unha fonda pegada tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia. Con este galardón, a nova dirección da Mostra quere recoñecer o seu compromiso coas artes escénicas e coa cultura galegas. (…)”