Temos que mudar de rumbo, por Suso de Toro

Artigo enviado por Suso de Toro:
“Cando o lume sexa apagado e se lle poida socorrer as persoas e familias prexudicadas e darlles conforto, o seguinte que debe facer a sociedade galega e dar homenaxe e, sobre todo, escoitar a veciñanza dos concellos tan afectados polo lume. E escoitar os traballadores que apagaron os lumes, que até agora non foron escoitados e, polo contrario, foron desoídos pola Xunta e desprezadas as súas razóns.
Cando o lume sexa apagado, todo o país, toda Galiza, ten que reflexionar sobre o camiño de desidia e destrución no que nos teñen desde hai anos. Temos que reflexionar criticamente sobre AS POLÍTICAS QUE FAN DO NOSO PAÍS UNHA MERCADORÍA QUE SE VENDE A PEDAZOS A EMPRESAS FORÁNEAS. Reflexionar criticamente sobre AS POLÍTICAS DESTRUTIVAS QUE MALTRATAN O NOSO TERRITORIO E DESTRÚEN AS NOSAS RIQUEZAS NATURAIS E O NOSO FUTURO.
Cando o lume sexa apagado, o noso país tense que ollar nun espello limpo e dicir en voz alta: “Non queremos seguir así, non podemos permitir que destrúan a nosa Terra, non podemos permitir que nos destrúan. Temos que mudar de rumbo.””