


Entrevista de Susana Rois a Sonia Villapol en Nós Diario:
“(…) Cerebro en modo ON nace deste interese triplo e da vontade de axudarnos a entender mellor o noso cerebro, “comprender por que pensamos, sentimos e nos comportamos de determinada maneira durante a adolescencia, e descubrir que podemos facer, e que debemos evitar, para coidalo e favorecer un desenvolvemento cerebral saudábel”.
– Nós Diario (ND): Coñecemos ben o cerebro humano e as súas calidades?
– Sonia Villapol (SV): Aínda estamos lonxe de coñecer ben o cerebro humano. Canto máis descubrimos, máis conscientes somos da súa enorme complexidade. Para min, o máis fascinante é a súa plasticidade: a capacidade de cambiar, adaptarse e reorganizarse coa aprendizaxe, as experiencias ou despois dunha lesión. Entender como podemos potenciar esa capacidade de reparación é un dos grandes retos da neurociencia, e curiosamente un dos temas que investigamos no meu laboratorio.
– ND: Como cambia o cerebro ao longo da vida e en que momento sofre a maior revolución?
– SV: O cerebro cambia continuamente ó longo de toda a vida. A maior revolución prodúcese durante a adolescencia, cando se reorganizan as conexións neuronais: elimínanse as menos útiles, o que chamamos a poda sináptica, e refórzanse outras. Reorganízanse e madura progresivamente a cortiza prefrontal, relacionada coa toma de decisións e o control dos impulsos. É unha etapa de enorme plasticidade na que as experiencias poden deixar unha pegada especialmente importante. No libro digo que é como podar unha árbore: non se fai porque estea mal, senón para que medre mellor.
– ND: Afirma que o cerebro pode adestrarse e que lle gusta sentir progreso. De que forma se transforma ou se constrúe cando experimenta estrés, toma de decisións ou motivación?
– SV: O cerebro constrúese e modifícase constantemente a partir do que facemos e experimentamos. Aquilo que repetimos tende a reforzar determinados circuítos neuronais: cando aprendemos algo, tomamos decisións ou superamos un reto, o cerebro vai consolidando esas conexións. Por iso dicimos que tamén podemos “adestralo”. A motivación é fundamental, e como saber acendela, aínda máis. Cando percibimos que avanzamos ou conseguimos un obxectivo, actívanse os circuítos cerebrais de recompensa, nos que a dopamina ten un papel importante, e iso anímanos a continuar e favorece a aprendizaxe. Pola contra, un estrés intenso e, sobre todo, mantido no tempo pode interferir coa memoria, a atención e a capacidade para tomar boas decisións. Incluso, estudos recentes vinculan o estrés e o trauma na infancia con cambios duradeiros no desenvolvemento e funcionamento do cerebro, que poden aumentar a vulnerabilidade a problemas de saúde mental e física na idade adulta. Por iso son tan importantes os hábitos: o que facemos cada día acaba moldeando o noso cerebro. Podemos aprender a establecer rutinas, reducir hábitos prexudiciais e reforzar aqueles que favorecen a saúde cerebral. Esa capacidade de cambiar coa experiencia é precisamente unha das grandes fortalezas do cerebro: a súa plasticidade. (…)”
O Obradoiro de creación literaria Escribindo dende o psiquiátrico: mulleres e loucura é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración das librarías Lila de Lilith e Pedreira, de Santiago de Compostela. Será impartida por Carmen V. Valiña, cunha sesión especial coa presenza de Montse Fajardo.
“A loucura construíuse durante séculos en feminino. Non se nos dixo sempre que as mulleres, polo simple feito de selo, xa temos algo de tolas? Este obradoiro propón mirar ao outro lado do espello facendo un percorrido por cinco escritoras que narraron as súas experiencias psiquiátricas.
Ao longo de seis sesións penetraremos nalgunhas das obras desas “tolas” para analizar en profundidade o seu contido e, tamén, as vidas e experiencias psiquiátricas das súas autoras. Comezaremos cunha sesión inicial que nos permitirá comprender como escritura serviu, no caso de moitas mulleres cualificadas como “tolas”, para contrarrestar a narrativa médica construída sobre elas, contar as súas vidas coas súas propias palabras e dar a coñecer, tamén, a súa existencia cotiá dentro do propio manicomio no que foran encerradas.
A continuación, analizaremos a escrita de cinco mulleres, de contextos xeográficos dispares, para comprobar como, ao longo de distintos momentos do século XX, a escritura foi para elas un arma literaria, de refuxio e mesmo de activismo. As escollidas serán Christine Lavant, Leonora Carrington, Janet Frame, Alda Merini e Kate Millet. Con estilos moi dispares, as cinco crearon obras de enorme potencia literaria e humana, reivindicando e explorando a súa individualidade e os a miúdo borrosos límites entre a tolemia e a cordura, así como abordando de maneira crítica as violencias da psiquiatría como ferramenta de control.”
Hai 16 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, no correo electrónico oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade. Actualmente están xa todas as prazas cubertas, polo que as solicitudes que se envíen entrarían nunha listaxe de reserva.
Horarios, calendario e emprazamentos:
– De 10:30 a 13:30 h. os seguintes días:
Sábado 3 de outubro na Libraría Lila de Lilith.
Sábado 17 de outubro na Libraría Pedreira.
Sábado 24 de outubro na Libraría Lila de Lilith.
Sábado 31 de outubro na Libraría Lila de Lilith.
Sábado 7 de novembro na Libraría Pedreira.
Sábado 14 de novembro na Libraría Lila de Lilith.
Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7, baixo).
Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55, baixo).
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
A AELG fai público o seu apoio e solidariedade con Suso de Toro, despois de que o recoñecido escritor denunciase que está a ser vítima de ataques á súa liberdade de expresión. Eses ataques proceden dun lobby proisraelí que alardea de ter denunciado o noso autor na Audiencia Nacional por ter criticado o Estado de Israel polas súas accións contra Gaza e o pobo palestino. Porén, de Toro non recibiu ningunha comunicación oficial de ningún tipo.
A AELG considera que non se poden tolerar tales ataques á liberdade de expresión e por este medio esixe que as institucións condenen e couten este tipo de propaganda que busca a autocensura das persoas sensibilizadas coa causa palestina.
Pola súa parte, a AELG estudará as medidas legais de resposta fronte a estas agresións. “A liberdade de expresión e de creación dun escritor ou escritora é inalienábel e imprescindíbel nunha sociedade que goza dunha boa saúde democrática”, declara Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “A defensa dos dereitos humanos é unha responsabilidade e unha obriga ética de todo escritor ou escritora”, engade.
A propia AELG como entidade fai súas as declaracións publicadas por Suso de Toro e maniféstase contra as agresións do estado de Israel ao pobo palestino, co que está a perpetrar un xenocidio e polo que a propia Comisión Internacional Independente de Investigación da ONU ditaminou que está a cometer crimes de guerra e de lesa humanidade en Gaza.