A Revista INviable é unha publicación periódica dixital en lingua galega e sen ánimo de lucro, cuxos obxectivos principais son difundir a cultura galega e servir de expresión á Asociación Cultural Revista Inviable da Xeración Illada (antes Amedia-CoutoXestión), fundada na cidade de Ourense en 2020 por Jorge Emilio Bóveda, Eladio Medel e Francisco Javier Fontenla, ligada á asociación cultural do mesmo nome, ten sede na cidade de Ourense. Os obxectivos principais da publicación son os seguintes, tal como figuran nos seus estatutos:
– Difusión da cultura galega actual.
– Lembrar figuras sinaladas da cultura galega.
– Dar voz a autoras e autores galegos actuais.
– Expresar opinións sobre temas culturais e de actualidade.
Edítase unha revista plural da man dos nosos socios e socias. A Revista Inviable difúndese mensualmente a través de Internet en formato HTML (flipsnack), sendo o seu destinatario potencial calquera persoa o entidade interesada pola cultura galega nas súas diversas manifestacións (narrativa, poesía, crítica literaria, ilustración, biografía de personaxes ilustres, xurisprudencia, artigos de opinión, etc.).
Sendo unha publicación sen ánimo de lucro con vontade de recuperar o espírito da prensa independente, todos os seus artigos están abertos ao público xeral, podendo ser consultados na súa web, deseñada por Jorge Emilio Bóveda. A través desa páxina poden ser consultados ou descargados todos os números publicados da Revista Inviable, desde a súa fundación até o momento presente. As súas fontes de financiamento son as cotas abonadas polos subscritores e as doazóns voluntarias dos lectores.
En agosto do 2025 decidíronse unha serie de reformas, sendo as principais cambiar o nome da revista a Inviable 2.0, reducir os contidos de cada número a unha publicación por colaborador e imprimir cada trimestre unha selección dos textos publicados polos colaboradores durante os tres meses anteriores.
Recollemos aquí este texto do presidente da asociación da Revista INviable, Francisco Javier Fontenla García:
O AMENCER DA INVIABLE 2.0
“Isto pasou na Praza Maior de Ourense durante unha morna mañá de agosto, cando xa tiñamos enriba as calores do verán, mais inda non comezara a catástrofe incendiaria que asolaría a nosa terra. Contan as crónicas, ou polo menos conta esta crónica, que nun bar da devandita praza se reuniron varias persoas coa intención de manter aceso outro tipo de lume, moito máis grato e agardamos que tamén moito máis perdurable: ese lume que arde no noso interior e que, en vez de arrasar a terra, queima os nosos límites e nos impele a facer viable o inviable, dando lugar a un soño feito realidade: a nosa Revista Inviable, que dende aquel día chamamos Inviable 2.0.
Alí estabamos varios membros da nosa asociación (e tamén un escritor pulp da América dos anos vinte, mais ese xa é outro conto, nunca mellor dito). Fisicamente non podiamos estar todos, pois a xeografía e as nosas biografías rara vez permiten un quórum do cen por cen, mais penso que en espírito si estaba toda a nosa banda, tal como se reflectiría pouco despois nunha consulta ao noso grupo de WhatsApp.
Os incendiarios espirituais alí presentes, e tamén os non presentes, fixemos dúas cousas que se adoitan facer na terraza dun bar galego un domingo pola mañá: beber e falar (ben, para ser exactos, o de beber só o fixemos os presentes). Non me lembro do que se bebeu, mais si do que se falou, que sen dúbida foi moito máis importante e non menos embriagador. Falamos de manter vixente un proxecto que naceu hai máis de cinco anos e que hoxe, malia as dúbidas e dificultades que sempre se atopan en todo camiño, é moito máis que un proxecto. Pero o mellor é que non só falamos dun hoxe con data de caducidade, senón dun mañá: dese mañá que vai vir en breve cun novo pulo, cunha nova ilusión e co noso fogoso espírito inviable de sempre.”