Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
“A Nosa Terra (ANT): A literatura erótica é un xénero marxinal nas letras galegas. Cal pode ser o motivo?
Eva Moreda (EM): Poño en dúbida que sexa marxinal. Na poesía, por exemplo, o erotismo é un dos grandes temas desde os anos 90, ou mesmo desde antes. Outra cousa é que estas obras non se presenten explicitamente como literatura erótica, o cal, en principio, tampouco me parece mal: non son moi partidaria de clasificar a literatura en caixóns, aínda que recoñezo que editorialmente pode ser unha boa estratexia. É certo que en narrativa se cadra se tardou, ou se está tardando, algo máis en arrincar. Se cadra porque historicamente escribir narrativa estivo moi ligado a facer país, e non semella moi evidente a literatura erótica sexa un xénero desde o que se poida facer país. (…)
ANT: Que posibilidades lle ve ao libro electrónico en conceptos como a mestura multimedia… libros con música incorporada, por exemplo?
EM: Pois precisamente, unha das cousas que me gustaría ver na literatura galega (e na literatura en xeral) é unha maior implicación coas posibilidades textuais da internet e os medios dixitais; na cultura galega estase facendo un uso importante das novas tecnoloxías no plano da difusión pero se cadra xa vai sendo hora de que os escritores nos poñamos a escribir con eses novos medios na cabeza. Como un poemario escrito a base de actualizacións de estado no Facebook, ou, por que non, un libro electrónico que nos vaia permitindo escoitar as músicas ás que se fai referencia no texto.”