Marilar Aleixandre: “As bocas estaban cosidas fóra tamén, aquilo era noite e néboa, como o dos nazis”

Entrevista de Ana G. Liste a Marilar Aleixandre en Praza:
“(…) – Praza (P): Esta novela é unha demostración máis de que non hai que abrir ningunha ferida do golpe de Estado de 1936 porque seguen abertas, e neste caso incluso ocultas ata hai preto de quince anos. Como foi o impacto inicial ao coñecer a represión que sufriu o curmán do seu pai?
– Marilar Aleixandre (MA): Creo que esta cuestión vai máis alá do que poida ocorrer nunha familia específica. O temor coseu as bocas dos vencidos e iso é algo xeral porque continuamente sabemos de historias de xente que conta cousas que aconteceron na súa familia e que non se falaron. Ti sabes que iso era así, o que non pensas é que tamén ocorría na túa propia familia. Dous anos antes, en 2008, soubemos pola outra parte da familia dun tío avó que antes de estar exiliado en Venezuela estivo nun campo de internamento. Neste caso si que nos contaran que estaba exiliado porque era republicano, pero non toda a súa historia, porque tivo que ter cargos no Partido Comunista. Pero de Antonio non sabiamos nin que existía, meu pai podería ter morto sen contarnos nada. Pero estas foron das primeiras fosas que escavaron a finais de 2009 no País Valencià, e a través do segundo apelido do meu pai, que é moi raro, localizaron aos fillos dun irmán del que lles deron o teléfono do meu pai. Chamaron o meu pai, que lles dixo que non quería dar saliva e, como conto ao comezo da novela, dicía que non quería saber nada desa historia. Pero como nos conta que o chaman, tiramos do fío.
– P: Na novela os nomes propios están cambiados, pero mantéñense as relacións de parentesco e circunstancias veraces das súas vidas?
– MA: Si, os nomes están cambiados e, de feito, hai unha árbore xenealóxica ao comezo da novela. Miña avoa, que na novela é Sole, vivía casa con casa coa súa irmá. O que nos conta meu pai é que este curmán seu viviu na súa casa de neno. Cando o pai de Antonio [o protagonista desta historia] regresa a Doña Mencía arruinado, volve marchar ao pouco a intentar buscar traballo en Vallecas (cando aínda non formaba parte de Madrid) e reparte aos seus fillos entre a casa da miña avoa e a da súa irmá. Antonio e meu pai levábanse un ano.
– P: Seu pai chegou a contarlles como se sentía ao saber do que pasara co seu curmán?
– MA: Negábase a falar disto. O que nós interpretamos agora, porque ao principio pensabamos que sabía algo e non nolo quixo contar, é que eles o único que souberon foi que deixaron de chegar cartas de Antonio. Levaba desde os 13 anos en Vallecas e non fora a Doña Mencía, só de visita unha vez ao saír do cárcere. Daquela, a Guardia Civil non informaba das mortes. Por que se localiza esta fosa en Benagéber? Porque a familia do outro guerrilleiro ao que matan á vez que a el, a nai e a irmá, van ao programa de Paco Lobatón, Quién sabe dónde, e alí se poñen a investigar. Ao principio os enterran como descoñecidos, levaban documentación falsa, de dous en dous xunto a outros seis traballadores do pantano que eran de alí. As bocas estaban cosidas fóra tamén, aquilo era noite e néboa, como o dos nazis. Non existiron e xa. Entón, cando no programa conseguen que a Garda Civil lles diga que está en Benagéber, empezan o proceso ata que unha asociación memorialista consegue que se inicie a exhumación. (…)”