Artigo de Francisco Rodríguez en Galicia Confidencial:
“Lembre este Instituto galeguista, e pídolles que cavilen, agora á marxe do tacticismo: dous idiomas para uso sistemático nunha mesma sociedade son inviábeis; non son compatíbeis socialmente de forma indefinida, a non ser debuxando progresivamente funcionalidades de subordinación ou de dualidade desequilibrada e procesos de marxinalidade. O avance do galego na sociedade galega, a nivel social, non se pode producir se non hai retrocesos do castelán, dos seus usos orais e escritos, formais e informais. Vaia adicado exclusivamente aos redactores do Manifesto. Non é para situar no cerne do noso discurso reivindicativo. A vosa reflexión estratéxica pode inducir a confusión e mesmo a promover algunha autoagresión nas propias filas normalizadoras ou dos amigos do galego, das que, sen dúbida, vos considerades parte. En todo caso, as organizacións nacionalistas de todo tipo, especialmente a Mesa, enunciaron os discursos necesarios, neste momento, e promoveron as accións sociais prácticas, logrando unha ampla converxencia de distintos sectores, cunha contundencia e un éxito indubidábel nun momento moi delicado e conflitivo contra un inimigo poderoso… Grazas á súa iniciativa e ao seu discurso un importante sector da sociedade galega paroulle os pés a este Goberno galegófobo. O que se necesita é robustecer aínda máis a nosa capacidade para resistir e avanzar. As reflexións do IGEA non contribúen a este obxectivo.”