Entrevista de Marcos Pérez Pena a Antón Baamonde en Praza:
“(…) Antón Baamonde vén de publicar Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila (Galaxia), un ensaio que busca “combater os clixés” aínda existentes sobre Galicia, “transformar o modo en que nos imaxinamos” e “abandonar as retóricas da pasividade”.
A Galicia de agora non é a de antes. De feito, hai décadas que non é un país atrasado e hai tamén moito tempo que non é un país primordialmente rural ou no que o sector agrogandeiro é maioritario. De feito, hai décadas que Galicia é un país como calquera outro da nosa contorna: maioritariamente urbano, cunha economía de servizos, na que o peso da industria (unha industria puxante e moi internacionalizada) é moi importante, moi aberta ao exterior e na que mesmo o sector agrario está moi capitalizado e ten moi pouco que ver con esa visión pasada de explotacións pequenas, de subsistencia.
Este novo ensaio conforma unha tetraloxía con tres obras anteriores de Antón Baamonde: A derrota de Galicia (Xerais, 2012), que “intentaba dar conta do cambio sociolóxico operado nas últimas décadas”; Unha nova Olanda (Galaxia, 2021), “que poñía sobre a mesa o carácter urbano do país e a imperiosa necesidade de poñer o foco sobre as diversas identidades urbanas”; e Galicia, distrito industrial (Galaxia 2024), en colaboración con Daniel Hermosilla, que “mostraba, tamén contra o clixé, o nervio industrial do país, e o admirable abano de empresas de alto valor tecnolóxico e internacionalizadas”. “Eses libros, xuntos, conforman un intento de ler Galicia doutra maneira, intentan transformar o imaxinario herdado” e “propoñen ideas para unha Revolución Tranquila que transforme o rostro do país”, destaca.
Baamonde escribe que Galicia é, xa, un país “máis ou menos random” no contexto europeo occidental, unha idea xa expresada polo autor en obras anteriores. “Isto non está ben nin está mal. Hai que velo con ánimo ecuánime, nin pensar que é unha marabilla nin deostalo”, di, apuntando que “nas condicións de vida e nos estándares vitais Galicia aseméllase a todos os países da nosa contorna. As clases populares viven como as clases populares doutros países. E as clases medias e altas, o mesmo”, di. Unha idea, a de que vivimos nun país como calquera outro na nosa contorna, equiparable a estes e cun nivel de vida e problemáticas semellantes, que se enfronta a visións que afirman (ás veces, paradoxalmente, ao mesmo tempo) que Galicia é, singularmente, o mellor país do mundo ou que Galicia é o peor país do mundo, o máis aldraxado e oprimido. (…)”