Entrevista de José Manuel Gutiérrez a Antonio Tizón en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Pero esta novela ademais é arriscada pola forma que ten.
– Antonio Tizón (AT): Si, é moi arriscada. Quería facer unha novela que ligara coa primeira, A antesala luminosa, que tiña dous narradores, pero nesta hai catro narradores, aínda que de feito liga coas catro restantes da serie e con toda a miña obra publicada. Das catro voces narrativas, hai dúas en primeira persoa, o policía e a súa filla. Outra é en segunda persoa, a avoa que lle fala ao neto a través dun magnetófono que é moi difícil porque tiña que conseguir unha voz popular sen caer na vulgaridade nin no castelanismo para ser crible. Hai outra voz en terceira persoa, que é omnisciente e fala da árbore xeneolóxica familiar, o que lle dá un carácter de novela familiar. Creo que en realidade é iso, e quizais esa é a mellor parte da da novela.
– LO: Nesta novela retómase o tema da enfermidade mental a través do personaxe de Gustavo.
– AT: Non só a través de Gustavo Gallego, senón de toda a familia, porque a avoa tivo seis fillos e catro deles herdaron a enfermidade mental. Quixen facer fincapé na parte xenética da enfermidade mental, xa que hai xenetistas que din que na esquizofrenia o 70% son causas xenéticas e só o 20% son ambientais. Hai un capítulo no que Gustavo Gallego fai unha reflexión sobre a enfermidade mental, incluso relacionándoa coa creatividade, porque parece que hai indicios que demostran que a xente creativa comparte xenes coa que padece enfermidades mentais como esquizofrenia e trastorno bipolar. (…)”