Un libro para iniciar unha conversa sobre Escocia: “Alí un galego recoñece case todo o que ve”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Manuel Gago en Praza:
“(…) 1.500 quilómetros separan Compostela de Edimburgo, pero é indubidable que Galicia e Escocia teñen moitas cousas en común. Semellanzas nas paisaxes, pero sobre todo no substrato social: nas lendas, na historia e na forma de ser das súas xentes, con puntos de conexión tamén con outros territorios atlánticos. É seguramente por isto que cando unha persoa viaxa de Galicia a Escocia “recoñece case todo o que ve”.
Manuel Gago vén de publicar Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante edicións), un ensaio que é tamén un libro de viaxes (non unha guía turística), pero un libro de viaxes especial, que percura en todo momento estas conexións entre Escocia e Galicia.
“Este é un libro de viaxes que se diferencia porque ao lelo, se foses camiñando, un pé estaría pisando en Escocia e outro en Galicia, é dicir, que vas avanzando por dous países ao mesmo tempo. Está deseñado como unha conversa, como cando vas cun amigo que te leva a coñecer unha cidade no estranxeiro e que mentres che vai amosando cousas, ti vala comparando co teu propio país”, explica o autor. “Este é un libro para comezar unha conversa, buscando puntos en común”, destaca.
“A primeira versión que fixen deste libro parecíase máis a unha guía de viaxes, pero ao reescribilo decateime de que realmente eu estaba buscando outra cousa, o que quería contar era ‘que representa Escocia para un galego’, como un galego ve Escocia a través da proximidade cultural que pode existir entre os dous países que están moi conectados ao longo da historia”, recoñece o autor. “O libro non che vai dar tanto indicacións concretas, porque para iso están as guías, pero si que che vai dar claves sobre certos lugares -máis ou menos coñecidos- que che van permitir vivilos dunha maneira moito máis íntima, ao interactuar con parte do noso imaxinario e da nosa identidade cultural”, di. (…)”