Entrevista a Arantza Portabales na Revista Pincha:
“(…) – Revista Pincha (P): Que entendes ti por esa «verdade» nunha obra de ficción?
– Arantza Portabales (AP): Como lectora, gústame sentir que o que está pasando me puido ter pasado a min, aínda que sexa nun xeito distinto. A literatura é contar a vida e facer que quen le descubra o que ten ao seu redor e empatice. Na feira de Guadalajara (Mexico) dicía que non se pode desbotar o concepto de lecer nun libro, pero a min gústame a literatura que me fai sufrir, a que doe e proe. Buscar o equilibrio entre o acougo e o que aporta a historia é fundamental.
– P: Ese interese por «facer sufrir» foi o que te levou ao xénero negro?
– AP: A vida é moi dolorosa e non fai falla un crime para que a xente sufra. O máis doloroso dos meus libros non son os mortos, senón o que impulsa á xente a facer certas cousas ou como nos afecta o que sucede ao redor. Interésame o momento no que as relacións humanas están en carne viva e a verdadeira natureza de cada un sae á luz. No fondo, todos os meus libros falan de como somos.
– P: Cres que ese interese pola natureza humana explica o actual boom do true crime?
– AP: No true crime inflúe moito o morbosos que somos; gústanos asexar pola ventá do veciño. En Asasinato na Casa Rosa, o personaxe que máis triunfou foi a veciña rechouchueira, porque á xente impórtalle moito a vida dos demais. Hai unha curiosidade innata, pero o problema vén cando se xulga dende unha superioridade moral, algo que vemos todos os días nas redes sociais. (…)”