“Co obxectivo de estimular a creación literaria e fomentar a súa difusión entre a mocidade, os Equipos de Normalización Lingüística e os Departamentos de Lingua Galega e Literatura dos dous Institutos de Educación Secundaria de Cambre, Afonso X e David Buján, as asociacións de nais e pais e a Concellería de Cultura e Contratación do Concello de Cambre, convocan esta XVIII edición do Certame Literario Cambre 2011 de acordo coas seguintes:
B A S E S
PRIMEIRA.- Poderá participar neste certame calquera moza/-o de idade comprendida entre os 12 e os 26 anos, segundo as seguintes categorías:
– CATEGORÍA A: de 12 a 14 anos.
– CATEGORÍA B: de 15 a 18 anos.
– CATEGORÍA C: de 19 a 26 anos.
SEGUNDA.- Cada participante poderá presentar unha proposta a calquera das dúas modalidades: Poesía e Narración breve. Na modalidade de poesía presentaranse tres poemas como mínimo, de tema e forma libres. Na modalidade de narración breve a extensión máxima será de cinco DIN-A4 e o tema libre.
TERCEIRA.- Os traballos estarán escritos en lingua galega e deberán ser orixinais, inéditos e non premiados.
CUARTA.- Deberán de estar escritos con ordenador, en papel de tamaño DIN-A4, espazamento entre liñas simple e tamaño de letra 12, por unha soa cara; paxinados e sen asinar. Entregaranse orixinal e catro copias nun sobre no que figure: XVIII CERTAME LITERARIO, o lema ou pseudónimo do autor ou autora, a categoría (A, B ou C) e a modalidade (narración ou poesía). Cada traballo presentado levará xunto un sobre pechado no que, por fóra, deberán figurar os mesmos datos, e no interior, unha fotocopia do DNI, e a ficha de inscrición cuberta e asinada, que contén ademais os datos de teléfono, correo electrónico e nome do centro no que estudia ou traballa.
QUINTA.- Os traballos poderán presentarse persoalmente nas administracións dos Institutos ou ben seren enviados por correo ordinario a:
Concello de Cambre – Área de Cultura e Contratación
Adro, 1 – 15660 Cambre
SEXTA.- Haberá dous premios por categoría e modalidade, aínda que o xurado poderá declarar desertos calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos traballos presentados. O importe dos premios será de:
– CATEGORÍA A: 1º Premio: 230,00 € 2º Premio: 170,00 €
– CATEGORÍA B: 1º Premio: 290,00 € 2º Premio: 200,00 €
– CATEGORÍA C: 1º Premio: 400,00 € 2º Premio: 230,00 €
SÉTIMA.- Aos premios practicaránselles as retencións legalmente estabelecidas. Con carácter previo á concesión comprobarase que os premiados estean ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social. Non obterá a condición de premiado aquel no que concorra algunha das circunstancias excluíntes que se sinalan na lexislación en materia de subvencións. En todo caso, para a obtención do premio, a reparación de dita circunstancia terá que ser acreditada ante o concello antes do 30 de novembro de 2011.
OITAVA.- A data límite de entrega de traballos será o venres 29 de abril de 2011.
NOVENA.- A composición do xurado darase a coñecer no acto de entrega de premios, que terá lugar no instituto de secundaria David Buján de Sigrás (Cambre), o venres 27 de maio de 2011, ás 12:30 h.
DÉCIMA.- A organización do Certame resérvase o dereito a publicar os traballos premiados. Neste sentido os autores renuncian a calquera tipo de remuneración pola autoría.
UNDÉCIMA.- Os traballos non premiados poderán ser solicitados polos seus autores ata un mes despois de que se faga público o fallo do xurado. Aqueles que non sexan reclamados destruiranse pasado este prazo.
DUODÉCIMA.- O xurado e a organización do certame están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante a aparición dalgún imprevisto non recollido expresamente nas presentes bases. A participación neste certame implica o coñecemento e a aceptación íntegra destas bases.”