A Mesa pola Normalización Lingüística chama a toda a sociedade a participar dunha concentración de urxencia esta segunda feira (luns) 4 de xullo, ás 20 horas, na Praza do Toural de Santiago en demanda da presenza da lingua galega nos medios de comunicación. A recente desaparición do xornal Galicia Hoxe no seu formato impreso únese á irreparábel perda colectiva que xa supuxo a desaparición de Vieiros, A Nosa Terra no seu formato impreso, GzNación ou A Peneira. Para alén dun revés para as aspiracións á normalidade da nosa lingua, A Mesa valora estas perdas como un duro golpe á liberdade de expresión e ao dereito a unha información plural e feita desde unha perspectiva galega. O acto reivindicativo en favor do galego nos medios concluirá coa lectura dun pequeno manifesto a cargo do poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.