Armando Requeixo: Crítica literaria galega 2.0, ciberensaio e blogocrítica

Artigo de Armando Requeixo en Cadernos Redelibros:
“O universo cibernético que redimensiona a nosa realidade de cidadáns do século XXI disparou os procesos de produción-recepción literarios cara a novas rexións incógnitas ata o de agora, tronzando fronteiras e abrindo devasas que descoñeciamos. Naceu entón a ciberliteratura e o ciberlector, parentes próximos do autor e o lector tradicionais, mais con casa de seu e riscos definitorios privativos.
Así as cousas, non debería estrañar que tamén entre os axentes mediadores a figura do crítico literario sentise a necesidade —mesmo se vise dalgunha maneira impelido— a adaptarse ás novas regras de xogo, pois se o produtor e o consumidor son, en parte, outros, tamén quen lles serve de ponte de unión precisa reinventarse.
Doutra parte, non digo nada novo se afirmo que a prensa en papel (lugar no que adoitamos dende sempre exercer o noso oficio os críticos, amén de nas revistas especializadas de restrinxida circulación) está inmersa nun traumático proceso de reestruturación que aínda non sabemos a onde a levará, pero no que todo parece indicar que o espazo que se reservará ao comentario de libros será cada vez máis e máis exiguo e, quen sabe, talvez nalgún momento nin será.
Nesa encrucillada na que nos atopamos xorde a crítica literaria galega na Rede. E nace concentrando os seus esforzos, sobre todo, nos (we)blogs ou bitácoras, en menor medida nas páxinas de autor ou soportais corporativos, aínda que tamén.
Como particular derivación do ciberensaio, a blogocrítica galega entendo que ten xermolado dende a necesidade de ofrecer solucións viables a diversas problemáticas que nos acoraron de vello como profesionais. Do mesmo xeito, coido tamén que a blogocrítica é susceptible de se definir como un xénero singularizado respecto da crítica en soporte non internetiano. Nas liñas que seguen tentarei explicar máis polo miúdo ambas e dúas ideas. (…)”