Xesús Alonso Montero entrega o seu arquivo nun acto testamentario

“O arquivo persoal do profesor e estudoso da lingua Xesús Alonso Montero xa está na Deputación de Ourense. Trátase dunha “dación” que contén numerosas obras literarias, estudos lingüísticos e correspondencia epistolar con persoeiros da cultura do país que o escritor atesorou ao longo dos seus 83 anos de vida. O propio Alonso Montero, na compañía do presidente da Deputación, José Luis Baltar, foi quen deu a coñecer os detalles na sede da institución provincial, rodeado de numerosos xornalistas, e con palabras que pretendían solemnizar “o acto testamentario” da entrega do material a un organismo público. (…) En todo caso, o quen ten claro Alonso Montero é que “na Deputación de Ourense están os mellores arquivos literarios de Galicia” e exemplificou a súa argumentación referíndose aos legados de “Blanco Amor, Pura e Dora Vázquez, Alberto Vilanova e Xosé Ramón Fernández Ben-Cho-Shey. A pesar de que aínda está en fase de catalogación e clasificación, os estudosos da lingua e da literatura galega xa poden consultar os manuais de Alonso Montero. Dentro das singularidades destacou 15 libros inéditos escritos por el mesmo, entre os que destaca, títulos como A presenza das letras latinas nas letras galegas ou o Manuscrito da miña tese de doutoramento sobre Curros Enríquez. Tamén obras de alumnos seus como Darío Xohán Cabana que lle entregou a súa primeira novela e está sen publicar ou memo un libro escrito por Novoneyra no ano 1968 en castelán. Alonso Montero destacou tamén a primeira traducción ao galego do Evanxeo de Marcos. Dentro do capítulo das anécdotas citou títulos como Lauredados, escrito por Antonio de Obregón e Álvaro Cunqueiro o Corona de Sonetos para José Antonio Primo de Rivera do propio Cunqueiro, nos que se ensalzaban valores franquistas. O arquivo complétase con cartas manuscritas de Ramón Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Isaac Díaz Pardo, entre outros, e incluso o seu expediente de desterro nas postrimerías do franquismo a Montilla (Córdoba). Hai tamén pezas escultóricas únicas e cun gravado orixinal de Castelao. (…)”