Damos publicidade ao Manifesto final do XXVIII Encontro Galeusca, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, e que tivo lugar no Ateneu de Barcelona os pasados venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, baixo o título A tradución literaria. Profesión e creación.
MANIFESTO DA FEDERACIÓN GALEUSCA
ATENEU BARCELONÈS – BARCELONA 2011
Reunidos en Barcelona o día 1 de outubro de 2011, Nós, escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns, MANIFESTAMOS:
1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usamos como instrumento de creación as nosas respectivas linguas, é dicir, galego, éuscaro e catalán.
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.
3. Diante dos novos intentos de recentralizacion do estado unitario español, seguimos a constatar que, só se cada unha das nacións aquí representadas accedemos a maiores cotas de soberanía, haberá garantías de pleno restabelecemento a niveis de normalidade.
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.
5. Que, vinte e sete anos despois do Manifesto de Poblet, os sucesivos encontros anuais demóstrannos a preocupación intensa dos escritores a respecto da problemática das nosas nacións sen estado, pois constatamos aínda hoxe a existencia de novas formas de censura económica e ideolóxica, que tamén afectan aos escritores e escritoras.
6. Reafirmámonos no compromiso firme de aprofundar nas relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas de Galicia, Euskal Herría e Países Cataláns, a través da Federación Galeusca. En concreto:
– Promover intercambios de escritores/as e experiencias das producións literarias respectivas.
– Pór en marcha publicacións comúns adaptadas aos novos formatos dixitais de edición.
– Impulsar traducións mutuas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.
– Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais.
Finalmente, comprometémonos a continuar traballando no camiño xa comezado naquel primeiro encontro, celebrado en Poblet o día 24 de xuño de 1984, e autoconvocámonos anualmente para dar continuidade ao labor iniciado entón e hoxe desenvolvido a traves da Federación Galeusca, creada no ano 2009.
Aquí pódese ver o texto e unha ampla crónica con todo o acontecido.