“O escritor vilalbés Agustín Fernández Paz afirmou a pasada noite en México que potenciar a lectura “ten que formar parte das prioridades estratéxicas” das sociedades democráticas. Durante a súa intervención, o autor reivindicou ademais “a dignificación da literatura infantil e xuvenil”. Ao recoller o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil 2011 na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (FIL), dixo que ler é “imprescindible” para construír unha sociedade mellor, “con cidadáns críticos e responsables”. No seu discurso, o autor galego agradeceu ademais a México o acoller “hai 72 anos con tanta xenerosidade ós exiliados españois” da Guerra Civil (1936-1939). Mencionou entre eles o cineasta Luis Buñuel, os poetas León Felipe e Luis Cernuda, o novelista e dramaturgo Max Aub e os responsables da revista galega Vieiros, feita nos anos 50 do século pasado polos editores Carlos Velo e Luis Soto. Fernández Paz sinalou tamén, en declaracións a Efe, que a lectura “é a única vía” para lograr cidadáns “capaces de ser críticos e de saber construír unha sociedade”. “A leitura non hai que tomala como un adorno social máis, senón que é fundamental, esencial, está na raíz, da construción dunha sociedade democrática”, engadiu.” Vía El Correo Gallego. A través de Xerais podemos ver recensións na prensa latinoamericana.