Agustín Fernández Paz recibiu o Premio Iberoamericano de LIteratura Infantil e Xuvenil

Agustín Fernández Paz recibiu o VII Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil rodeado de amigos escritores e editores, e acompañado pola súa filla. O acto foi un emotivo recoñecemento a toda unha vida dedicada a escribir por e para o público lector máis novo. Asistiron á entrega, celebrada nun dos salóns das instalacións da Feira Internacional do Libro de Guadalajara, o seu editor de toda a vida, Manuel Bragado, así como os escritores e amigos, Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, convidados pola FIL para participar en diversas actividades. A delegación galega en Guadalajara, tamén o Director Xeral do Libro, foron testigos dunha tarde inesquecible na que foi particularmente emotiva a semblanza que Mª Jesús Gil, editora e integrante da Fundación SM, realizou de Fernández Paz; unha semblanza chea de alusións á infancia e á importancia da figura do pai na carreira do escritor.O autor manifestou sentirse emocionado por estar na FIL, “un evento no cal o entusiasmo late con tanta forza que podería cambiar o mundo”. Fernández Paz agradeceu a todos a súa presenza e agradecemento por acompañalo nun día tan emocionante para el, especialmente á súa filla. Nubia Macías, Directora da FIL, díxolle a Agustín na súa intervención, que lle houbese gustado telo como profesor de Secundaria e agradeceulle que escribise para tantos chavitos que disfrutaban cos seus libros en Galicia e en outros moitos lugares do mundo. Tamén interviñeron no acto, Alicia Molina, representando ao Xurado do Premio; Fernándo Zapata, Director de CERLAC; Leoncio Fernández, da Fundación SM e Mª Jesús Gil. O galardón conta co apoio da Fundación SM, CERLALC, Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe a da UNESCO, IBBY e a OEI.” Vía Asociación Galega de Editores. Crónica no blog de Manuel Bragado.