Manuel Rivas: “Galicia estivo moito máis perto de Sicilia do que pareceu”

Entrevista a Manuel Rivas en Localia, recollida en Galicia Hoxe:
“- P: Pensa que revolucionou a literatura galega?
– R: Penso que un cando escribe intenta porlle boca aos propios enigmas que un ten e as propias dúbidas e penumbras que ve dentro dun mesmo e dentro do mundo que o rodea e da condición humana. Entón, eu non penso tanto que cando un escribe non fas cálculos de dicir onde estou eu dentro da literatura, senón que intentas dicir, que podo dicir?, que podo facer para que algo que antes non existía, modestamente, exista algo novo?… Como quen achega unha nova especie, unha nova planta nun campo, un xardín, nunha leira, que antes non existía. Poder dicir nalgún momento aquelo que dicía Machado de Assis, que dicía: ‘Mereceu a pena ser inventado’. É algo que pagou a pena que se inventara pois iso é o que intentas. Despois xa é cousa doutros, de estudosos, dicir se isto revolucionou ou non. (…)
– P: Falando de internacionalismo, sobre a súa última novela –Todo é silencio– hai quen a define como universal. ¿O universal é o local sen paredes, que diría Miguel Torga?
– R: Si, paréceme unha definición boísima porque tamén ten algo que ver co que falábamos antes. Plantéxanse contradicións que non son tais. Porque un escriba, por exemplo en galego, ou porque que sitúe as suas historias en Galicia, hai xente que entende que iso sería literatura local, pero é que todas as literaturas son locais. O importante é que aquilo que sucede nun lugar e nun tempo interese, profundice, pescude na condición humana, nese ser estraño que somos. Evidentemente, non existe tal contradición no local/universal, senón que, xustamente, eu penso que está moi ben dito por Torga. Sería a imaxe dun faro –Galicia é un país de faros, eu nacín a pé dun-. O faro non discrimina, cando os seus lampos de luz van percorrendo o mar non din a este barco si, a este non. A luz é para todos. Eu penso que cando escribes, tamén escribes para todo o mundo. (…)
– P: Ten vostede referentes literarios?
– R: Claro, hai moitísima xente da que aprendes. Unha cousa maravillosa que ten a literatura é que podes viaxar no tempo. Como dicía Quevedo: cos ollos falas cos mortos. Podes conversar con xeracións: Ulises, Hamlet, pertencen máis a realidade que ao mellor xente que existiu realmente. Pero que é máis importante Cervantes ou non me acordo quen sería o primeiro ministro naquel tempo, pero sí sabemos a importancia que tivo Cervantes. Quixote e Sancho son moito máis reais que xente da realidade. Nos adestran ao longo do tempo, cada vez están máis vivos, nos están a falar, sempre nos din cousas novas. Eu podería falar deses referentes, pero tamén é certo, como decía con humor un amigo meu: non cites a ninguén porque eles non teñen a culpa do que escribes ti. Aquí en Galicia hai xente maravillosa en canto a narrativa, Blanco Amor, Cunqueiro, Valle Inclán, Pardo Bazán (que foi unha vangardista que hai que reivindicar). Temos un país moi fértil. (…)”