Víctor Freixanes: “Adeus a Isaac”

Artigo de Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia, desde Galaxia:
“Na historia da Galicia da segunda metade do pasado século hai dous grandes esteos sobre os que se alza a memoria da cultura e a dignidade democrática do galeguismo despois da guerra civil: a editorial Galaxia (1950) e o Laboratorio de Formas de Galicia (1963). Dous ríos que nos alimentaron e que avanzaron xuntos durante moito tempo. O primeiro naceu da man de Xaime Illa Couto (que aínda segue entre nós) e de Francisco Fernández del Riego, aos que se sumou axiña Ramón Piñeiro. O segundo, soñado inicialmente no exilio de Buenos Aires e materializado despois no complexo industrial e cultural de Sada e Sargadelos, xorde da iniciativa e talento de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
Fóisenos Isaac. Paseniñamente, coa discreción e a elegancia que o caracterizou sempre, vaise unha xeración fundamental: a dous grandes mestres, iso que nos libros denominamos «galeguismo histórico» e que vén ser a xeración dos maiores, o discurso (e o exemplo) dos pais, que nos fixeron como agora somos. Sobre eses dous principios, que á súa vez continuaban e collían o relevo dá xeración Nós, as Irmandades da Fala, o galeguismo republicano de Castelao, Villar Ponte, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, rexurdiu un alento que moitos daban por perdido e que agromou en novas xeiras, gallos novos da árbore común, bastante máis vizosa do que imaxinamos.
“Unha xeración de fracasados”, dicía ás veces Isaac, se cadra porque nunca logramos plenamente o que soñamos. Sempre me pareceu inxusta esta observación. Todo o que somos, sómolo grazas a eles: á súa intelixencia, ao seu talento, á súa teimosía e á súa xenerosidade. O que algúns chamamos “galeguismo civil”, espazo de labor común por riba de diferenzas e posicionamentos ideolóxicos, lexítimos e necesarios nunha sociedade complexa, é ou resultado dese esforzo e desa intelixencia estratéxica. O país facémolo entre todos. O pasado venres, na despedida de Isaac, estabamos todos (case todos) os que cremos que a herdanza que nos deixan é un patrimonio irrenunciable para seguir avanzando nesa Galicia nova, moderna e integradora que os devanceiros soñaron. (…)”.