Desde Cultura Galega:
“A crise económica tamén condiciona a creación. Cando menos iso é o que se desprende dos especialistas consultados nas áreas da literatura, a banda deseñada e a música. Nuns casos a pegada é positiva e noutra negativa, e mentres nas letras leva a unha visión máis conservadora, na música convida a que os artistas se impliquen máis nos procesos de control das súas obras, entre outras cuestións.
A nivel literario, o ano non achegou grandes novidades, e a crise deixouse sentir tamén na creación. Cando menos, así o sinala Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. “Semella que a literatura se contaxiou un pouco dunha certa perda de pulo que está a se ver tamén na sociedade. Faltaron novidades entusiasmantes, e estamos moi necesitados delas. É algo que nos volta a confianza na literatura e nas nosas posibilidades creativas”. Non é, no entanto, que non se producisen obras de valía, ou que non houbese lanzamentos, especialmente no campo da tradución, de importancia. “Houbo textos dignos de recibir unha acollida mais entusiasta, como a tradución de Murakami ou de Salma. Son esforzos notables que pasaron desapercibidos”. Apontalouse tamén neste período a certa crise que está a vivir a edición de poesía. “Houbo unha redución, tamén por cuestións económicas, e é o xénero que sempre sae máis prexudicado. En xeral os editores están con políticas restritivas, con apostas moi selectivas, e esa perda de entusiasmo afecta tamén aos creadores, que arriscan menos”. O ensaio é quizás, e a continuar tendencias de anos anteriores, o xénero que máis está a destacar. “Xa levamos uns anos moi bos, está a pasar o que tiña que pasar e abandonamos aquela especie de reciclaxe de investigación para facer ensaio puro, e estase a ver que é un xénero que, na medida no que se desenvolve apoiado na actualidade, ten éxito”. Finalmente, Vilavedra recoñece o traballo da editoras independentes á hora de anovar no panorama literario. “Ao non aspirar a grandes beneficios están menos pendentes do mercado e fan cousas moi interesantes, aínda que penso que hai de máis. Pero vese que algunhas consolidan unha liña e non publican ao chou, hai casos moi interesantes como o de Estaleiro ou o que publica Kalandraka en narrativa”. (…)”