Entrevista a Fran Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): Como é o teu proceso de traballo? Es un autor de multitarefa ou agardas a rematar un proxecto para meterte noutro?
– Fran Alonso (FA): Teño a particularidade de que moitas veces traballo á vez en varios libros, que avanzan en paralelo. Quizais é un pouco esquizofrénica a miña forma de traballar. Algúns proxectos crecen e fanse máis extensos e outros fanse máis pequenos e nese sentido Ninguén foi un libro que foi medrando e que tivo un proceso creativo de case dez anos, foi collendo cada vez máis forza até que nun momento algo che di que o libro xa está listo para engordar definitivamente. Pero debe ser a primeira vez que se me acumulan tantos libros como pasou agora, porque mesmo teño algún outro aínda inédito, que está agardando resposta dalgunha editorial ou está esperando a ser publicado. (…)
– P: Como están reaccionando as editoras aos cambios tecnolóxicos e de hábitos que se veñen producindo nesa industria?
– FA: Todo está relacionado. Esta crise prodúcese porque hai unhas novas tecnoloxías que permiten especular co diñeiro dunha maneira que non se podía facer antes. E para entender como solucionar esta crise e para entender o futuro, temos que entender as novas tecnoloxías. O mundo do libro está cambiando e vai cambiar de forma radical e só estamos asistindo ao comezo deste proceso. O ebook é unha realidade nova e para a industria editorial e para os propios autores trae incertezas. Temos que ser capaces de reaccionar e de adaptarnos ás novas circunstancias. Resistirse a isto sería como protestar porque o mundo cambia, sería como patalexar, non serviría de nada. Eu confío nas novas tecnoloxías, a ciencia e a técnica sempre nos axudou a crear un mundo mellor e máis xusto. Hai que afrontar ese cambios con protagonismo: cando ti protagonizas os cambios saes beneficiado, cando te deixas levar polos cambios, os cambios arrástrante. (…)”