Entrevista a Miro Villar en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Podemos definir As Crebas coma o caderno de observación dun poeta en terra?
– Miro Villar (MV): Adoito facer uso da palabra do léxico mariñeiro “bitácora” para me referir ao meu blogue, porque pretende facer unha función semellante á dun caderno de bitácora. En efecto, podería dicirse que se trata “dun caderno de observación dun poeta en terra” (moi atinada a vosa definición), pois é unha bitácora cultural e literaria, con preponderancia da poesía como temática, pois alén de moitas cousas considero que son en esencia poeta. Daquela naceu para visibilizar a miña propia creación literaria nun momento en que os espazos no noso idioma estaban máis debilitados ca nunca. E xa non digamos en poesía, pois pecharon coleccións e as que existen reducíronse á mínima expresión. E tamén para dar testemuño das literaturas que me apracen (nomeadamente a sección Poemas) en calquera lingua do mundo, mais dando preferencia aos poetas amados que teñan traducións ao galego, ao portugués ou ao español. Xa logo, para dar conta doutras preocupacións varias: arte, cinema, teatro… ou incluso os roteiros que realizo en épocas de camiñada. A política tamén ten o seu lugar, mais é minúsculo a respecto dos outros temas fulcrais. En definitiva, é case un espello de min propio, para me ollar desde o outro lado do espello. (…)
– LeO: Definitivamente, a literatura e todo o que a rodea xa está máis na rede que no propio papel?
– MV: Non o sei, mais non o creo aínda. Évos ben curioso, recibo un premio por un blogue cando sempre adoito definirme coma un “dinosauro” a respecto da rede. Amo, talvez demasiado, a literatura en papel. Na casa teño problemas de espazo por culpa dos libros que ateigan os meus andeis. Continúo a mercar e tamén a gozar dos libros como obxecto, mais aínda así é ben certo que a día hoxe xa leo tamén moita literatura na arañeira, que ten unha virtude incuestionable que é poder achegarte a calquera literatura do mundo, até da nación máis pequena, en cuestión de segundos. Poño por caso, até hai pouco nada sabía da esplendorosa poesía indíxena de México e grazas á rede coñecín esa literatura que é minorizada nos propios Estados Unidos de México (denominación oficial, por certo). (…)”