Bases do V Concurso Literario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia: Rosa de cen follas

BASES

Primeira. Poderán optar ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega. Os autores e autoras que teñan recibido xa o premio nunha modalidade non poderán presentarse a esa mesma modalidade nas tres seguintes convocatorias. Pasado ese tempo poderán concorrer con toda normalidade.
Segunda. Establécese un premio de 250 € para a modalidade de poesía e outro de igual contía para a modalidade de narrativa. O Colexio poderá publicar as obras premiadas na páxina web e noutras publicacións de divulgación do Colexio, sen que iso interfira cos dereitos de autor do gañador/a.
Terceira. As obras que serán de tema libre, deberán presentarse á modalidade de poesía ou á modalidade de narrativa, e terán unha extensión máxima de dúas páxinas; deberán presentarse por cuadriplicado en folla de papel escrita por unha soa cara. As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados nun sobre pechado no que conste o título e o lema, así como a modalidade á que se presenta, no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor ou autora, o seu enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
Cuarta. O prazo de admisión de orixinais remata o 17 de maio de 2012, e deberán enviarse ao enderezo do Colexio: Rúa Espiñeira, 10-Baixo. 15706 Santiago de Compostela, indicando no sobre PREMIO ROSA DE CEN FOLLAS, e a modalidade á que se presenta, narrativa ou poesía.
Quinta. O xurado estará presidido pola Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e formarán parte del: a Coordinadora da Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito das nosas letras. A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta. As persoas participantes terán a obriga de comunicar ao Colexio a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia dos dous terzos dos seus membros. As deliberacións serán segredas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado poderá declarar desertos os premios no caso de que as obras non reúnan a calidade ou os requisitos esixidos. A decisión do xurado será comunicada ás persoas gañadoras do concurso e posteriormente, darase a coñecer nos distintos medios de comunicación. O sobre pechado correspondente á obra que resulte finalista será aberto polo Secretario/a do xurado coa fin de que poida darse a coñecer o nome da persoa gañadora na páxina web do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Sétima. Establécese un prazo de 15 días naturais, a contar a partir do día que se falle o premio, para que as obras presentadas e non premiadas podan ser recollidas, pasado ese período serán destruídas.
Oitava. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.