A Coruña: homenaxe a Rosalía de Castro no Día Mundial da Poesía

A Concellaría de Cultura da Coruña celebra o Día Mundial da Poesía cunha homenaxe á máis grande das poetas galegas, Rosalía de Castro. Ás 13:00 do sábado 21 de marzo na Sala de Exposicións de Durán Loriga celebrarase un recital poético-musical coa participación de Tonecho Castelos Boutureira (violín), Pablo Gómez Esqueira (acordeón) e as poetas Lucía Aldao, Tati Mancebo, Diana Varela Puñal, Paloma Calvo Varela, Berta Dávila e Olga Patiño. O público asistente recibirá como agasallo unha edición do poema “A Sir John Moore” realizado coa colaboración do Padroado Rosalía de Castro. Inaugúrase tamén unha exposición con obras de Julia Ares, Soledad Penalta, Yolanda Ferrer, Carmen Chacón, Dorda, Carmen Senande, Anxeles Penas e Dolores Gálvez con escultura, fotografía, pintura e gravado feito por oito artistas coruñesas. A exposición estará aberta do 18 ao 22. Ademais, até o 6 de abril unha mostra bibliográfica percorrerá na Biblioteca de Estudos Locais a traxectoria vital e creativa da autora de Cantares gallegos e Follas novas.