Entrevista a Enrique Sáez Ponte na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Escribiu vostede que os galegos temos un problema de confianza en nós mesmos e o uso do idioma propio sería un termómetro desa confianza. Ese é un problema central se atendemos á idea de que historicamente as elites galegas pactaron progreso por identidade.
– Enrique Sáez: Pero non é precisa esa transacción, iso é algo que nos venderon. Galiza ten un idioma que ademais está preto do portugués. Eu dirixín os negocios do Banco Pastor en Portugal durante 12 anos e tivemos un parceiro importante en Sonae, con Amorim o grupo empresarial portugués máis importante. Traballei moitos meses en Portugal con avogados, directivos, asesores fiscais, operarios de todos os niveis, con auditores… e sempre utilicei o galego. O noso idioma é un activo poderoso, igual que se falamos de bioloxía mariña o termos un mellor plancto é o activo polo que se queren instalar aquí as piscifactorías norueguesas. Os activos, sexan recursos naturais ou culturais, son vitais. Fixen unha suxerencia, e vouna repetir sempre: agora que se está debatendo que os profesores de galego dean francés, eu obrigaría a todos os centros de secundaria do país, públicos e privados, a ofrecer como segunda lingua estranxeira optativa, o portugués. Porque xa bastante vai custar que falen inglés como para facer que falen francés ou alemán. Se se estuda galego en todo ciclo escolar, nun ano apréndese portugués que ten máis falantes no mundo que o alemán ou o francés, e ademais é lingua oficial en Europa. Se lográsemos isto á fin da escolarización, co dominio de galego, castelán, portugués e inglés… poderían, por exemplo, ser funcionarios europeos ao dominar tres linguas oficiais. Isto é un activo enorme, non se precisan cartos para poñelo en valor e traducen unha autoestima na propia creación cultural. Estragar activos é como estragar cartos e neste caso é ocasión de manexar un idioma que falan 230 millóns de persoas no mundo. (…)”.