Cartas de inverno e un lapis dixital

Reportaxe en Praza:
“(…) As orixes do proxecto [Cartas de inverno] agroman cando Antonio Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno. “Dende o primeiro intre saltoume a idea de debuxala. Cativoume a súa ambientación, a súa estrutura a xeito de matrioskas rusas, a historia dentro da historia… É unha obra redonda”. (…)
Toda a interpretación é responsabilidade da lectura do debuxante: o contorneo da ficción, o traslado da atmosfera. Preocupáballe non deixar escapar as sensacións. “Dáme un pouco o mesmo se unha man está máis ou menos perfilada ou se unha liña non vai tan recta como debera. O que precisaba é que unha páxina transmitira tristura ou desacougo, frialdade ou soidade…”. El quería repartir emocións a través das imaxes e non é doado. “Non é o mesmo a linguaxe escrita que a linguaxe verboicónica propia da banda deseñada –sinala Fernández Paz-. E, aínda que nos textos Seijas vai moi pegado á novela, reproducindo en moitos casos anacos textuais, o certo é que as imaxes e a montaxe da páxina xogan un papel decisivo”. De feito, no limiar do álbum, feito polo propio escritor, dísenos que o resultado era ese que Seijas buscaba: “A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor”. (…)”.