Reportaxe en Cultura Galega:
“A poesía recitada continúa a reclamar o seu espazo na nosa cultura. A iniciativas como os recitais Poetas Di(n)versos, Picaversos ou Poetas da Hostia, súmanse novas propostas. Os Slams Poéticos están a levar a Arousa e Vigo un torneo de recitados, mentres esta última cidade vía recentemente a segunda edición do seu Festival Polipoético. A poesía pide a palabra.
Sther F. Carrodeguas é a responsable do Slam Poético Arousa, unha iniciativa que chegou este outono á nosa terra. Un Slam poético consiste nun torneo, baseados nas competicións de hip-hop, n o que dous competidores len textos propios sen contar con máis recurso do que a súa voz e presenza, sen música ou obxectos de apoio. De cada unha destas roldas un xurado selecciona un dos participantes ata chegar a unha final, da que sae o gañador da rolda. Segundo explica a coordinadora, o proxecto xurdiu dun obradoiro que deu a poeta catalá Irene La Sen sobre este tema en Rianxo. “Eu xa levaba un tempo traballando na cuestión dos recitais, e esta fórmula pareceume bastante sinxelo de organizar. Entón primeiro pensei en o facer aquí, aos poucos foron empatando as cousas e ao final ampliou a toda a Ría de Arousa”. O proxecto intégrase na liga que se celebra a nivel estatal “vai haber seis sesións cada ano, que é o número imprescindible que permitirá que o finalista poida acudir á final estatal. Decidimos organizar un cada mes, de vila en vila, serán cinco roldas locais e despois unha final que quero que sexa na Illa de Arousa, aínda está por fechar”. O que asista á final estatal terá a opción de recitar en castelán, con subtítulos nunha pantalla ou sen apoio de ningún tipo. (…)”.