Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Algunhas voces suxeríronme que reparase no interese que suscitaba unha sección que naceu ao abeiro dun blog que manteño desde hai algún tempo no que daba a coñecer manuscritos de carácter literario que se xeraron ou xeran na nosa tradición.
O éxito da sección, relativo e polo demais nunca mellor dito moi virtual, confírmame a enorme potencialidade que atesoura a Rede pois posibilita poñer en marcha proxectos que poden acadar resultados inesperados e, aínda máis, cando estes non se nuclean nin arredor das novidades editoriais nin nos eidos da actualidade literaria.
Talvez o atractivo do proxecto radique nesa aliaxe contrastiva entre os trazos do soporte que difunde as mostras caligráficas e esa fonte máis primordial da creación literaria que son os propios textos escritos a man e agora desvelados. Malia o que se poida pensar nun tempo como o que vivimos no que a tecnoloxía parece dominar as nosas vidas, o proceso que segue o nacemento dos textos creativos agroma, en moitos casos aínda hoxe, dunha pluma ou un bolígrafo a riscar nun papel ou nas follas dun caderno de notas, nuns panos de papel dun bar, nuns folios soltos ou sobre un libro xa editado.
Sexa como for, todos os manuscritos que até o de agora se compilaron encerran esoutra cara máis íntima e privativa do proceso de creación. A todas e todos quen abrazaron o proxecto con xenerosidade, grazas; a quen o fagan no futuro tamén. Os manuscritos tamén espellan, nalgunha medida, o onte e o hoxe da nosa creación literaria.
Este artigo publicouse nas páxinas do semanario Sermos Galiza (nº 41, 5 de abril de 2013) no espazo que acolle colaboracións de membros da AELG.”