Continuamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Antón Riveiro Coello pronunciou a terceira conferencia, co título As voces ausentes. Literatura restitutoria.
Unha reflexión sobre como coa imaxinación e a través da vida de seres esquecidos podemos construír unha ficción cos lugares calados e invisibles da Historia, e como con eles podemos incidir na sociedade actual e transformala.
Literatura de restitución de voces ausentes como poden ser as das mulleres, a través das que se intenta canalizar a memoria e a percepción do conflito. Literatura tamén de recoñecemento ás vítimas, para lles dar unha homenaxe, sen entrar en ningún tipo de división ideolóxica.
Escribir sobre (e dende) a Guerra Civil non é unha moda dos fillos ou netos da mesma senón un acto de compromiso e rebeldía contra o esquecemento desas personaxes humildes nas que tamén está representada a identidade colectiva. Literatura como unha opción ética e estética de poñer en tensión o pasado e inscribir nel estas novas olladas que aspiran a modificalo. É dicir, a ficción, como lugar de exploración dos discursos do pasado, para iluminar eses espazos invisibles, para recompoñer as pluralidades das voces ausentes e achegar novas verdades a esa memoria en permanente construción.
Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Antón Riveiro Coello)