Desde o blog de Manuel Bragado, Brétemas:
“(…) Acompañamos a Manuel Portas na presentación de Faneca Brava, a súa novela máis recente. Iniciou o seu discurso Portas expresando «o papel complicado do autor nos actos de presentación xa que todo o que un pode dicir pode ir na súa contra; a fin de contas o que un quixo facer xa o fixo ao escribir o texto; hai, pois, un perigo de transgredir a proposición inicial que un fixo na súa cabeza.» «Ademais, o ideal sería valorar o texto só, superando os preconceptos sobre o autor, que arrastra das súas obras anteriores.»
Confesou Portas que considera Faneca Brava unha novela diferentes ás anteriores. «A diferenza de Denso recendo a salgado ou Un dedo manchado de tinta, que tiñan un protagonismo colectivo, onde non existían protagonismos destacados, un froito literario do realismo colectivo de despois dos anos cincuenta e sesenta, aquí a atención concéntrase no protagonismo da prima Concha.» «Concha é o foco de atención polo seu carácter rebelde e polo seu comportamento a contracorrente. Concha representa a represión sobre as mulleres do seu tempo. Ela é capaz de rebelarse contra todas aquelas pexas para afirmar a súa personalidade.» No obstante, Portas recoñeceu que na novela tamén ten o seu protagonismo todo o entorno familiar de Concha, «moi preocupado “polo que dirán” na súa sociedade rural e mariñeira; un comportamento hipócrita que oculta os abusos sexuais padecidos por esta rapaza.» Para Portas o esencial da novela «é que constitúe unha reflexión sobre como muda a percepción dunha muller, estereotipada como “ovella negra”, para o que foi necesario introducir na segunda parte a mudanza do punto de vista, por medio dun segundo narrador omnisciente.» Para o autor «a novela é en certa medida triste, a pesar de que Concha é unha loitadora, mesmo que acaba triunfando, que consigue finalmente algo que ten importancia nunha vida frustrada. Porén, o seu amor vaise deformando, é un amor insatisfeito, xa que se acostumou a vivir cos pés envoltos.»
Rematou a súa intervención salientando Portas a necesidade da polifonía artística da narrativa galega actual. «Aeste teor en Faneca Brava hai dous aspectos a salientar. Primeiro, a presenza da música. Aquí hai cancións de Fausto, Amancio Prada, Carlos Gardel e Vinicius de Morais. Segundo, as referencias a algúns poemas de Rosalía de Castro.» «Creo que o futuro da literatura está en confabularse con outras expresións artísticas do noso tempo, a música, o cómic e o cinema. Os produtos culturais actuais deben ser redondos. Ademais, existen precedentes. Eis a nosa literatura que naceu da man da música. Non o esquezamos, a música, a danza e a literatura ía da man na nosa cultura medieval.»”