Entrevista a Manuel Darriba en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Con que xénero te sintes máis cómodo á hora de abordar unha obra?
– Manuel Darriba (MD): Nunca penso en termos xenéricos, senón no tipo de personaxes que quero abordar en cada ocasión. Deste xeito, as situacións acaban derivando dos personaxes, á vez que os moldean. En xeral, podo dicir que teño preferencia por situacións e comportamentos extremos, por escribir sobre as manifestacións do poder e sobre como os individuos interactúan coa comunidade e o contexto social circundantes. Moitas veces, en termos de conflito. (…)
– GC: Que opinas das subvencións na literatura galega? Cres que é un elemento positivo ou, pola contra, pode dar lugar á publicación de moito material pobre?
– MD: Os autores non recibimos subvencións. En todo caso, recíbenas as editoriais, en forma de compras de exemplares para bibliotecas (fondos que tamén foron recortados drasticamente). Que o material sexa máis ou menos pobre depende, en exclusiva, do rigor que poña o escritor no seu traballo.
– GC: Cres que os premios que se outorgan en literatura galega teñen unha base fiable?
– MD: Os premios poden cuestionarse todos, os da literatura galega e os da islandesa. Hai premios gañados por obras de escasa calidade? Si. Hai obras de gran calidade que non son recoñecidas cando se presentan a un premio? Tamén. Igual que hai premios a obras espléndidas. Ao final, todo depende da subxectividade e gustos persoais dun xurado, simplemente iso. (…)”