Nos meses de outubro e novembro, na Biblioteca Pública González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), con horario de apertura do centro de 8:30 a 20:30 h. de luns a venres e de 10:00 a 14:00 h. os sábados, pódese visitar a exposición itinerante sobre o Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que ten o obxectivo de difundir a súa figura. A relación dos premiados nestes anos xunta un relevante ronsel da nosa poesía contemporánea. Fotografías, biografías e poemas de todos eles conforman os paneis da mostra: fotografía e texto fan que, amén de ser lidos, tamén teñan unha notable beleza visual para o espectador da exposición.
O poeta Eusebio Lorenzo Baleirón naceu na parroquia de Laíño, Dodro, en 1962. Licenciouse en Filoloxía Galega e foi profesor de ensino medio, persoa estudosa da lingua e dinámico promotor de iniciativas culturais. Publicou libros de poesía, poemas en revistas e en antoloxías, e tamén prosa: libros e artigos varios en prensa e en revistas. Morreu en 1986 e en 1988 o Concello de Dodro creou o premio de poesía que leva o seu nome.