Desde Redelibros:
O xoves 7 de novembro, ás 19:00 horas, na Rúa dos Castiñeiros, 6, baixo, de Santiago de Compostela inaugúrase a libraría-taller O Fogar das Palabras, un proxecto de Contos Estraños e Urco Editora.
“Trátase dun novo concepto de libraría, onde non soamente compartimos a paixón pola lectura, tamén o facemos pola escrita. Para iso creamos unha aula onde poderás participar nos nosos talleres, sempre relacionados co mundo literario e editorial, e impartidos por profesionais do medio. Neste novo espazo poderás entrar en contacto tanto con novos escritores como con editores, tradutores, ilustradores, deseñadores… Participar ou organizar presentacións de libros, recitais poéticos, palestras lingüísticas e calquera actividade relacionada co mundo do libro e as palabras. Creamos tamén un selo editorial para as vosas auto-edicións, as cales, e en cooperación con Sacauntos Cooperativa Gráfica vos axudaremos a sacar adiante desde a libraría con presentacións, venda e presenza nas feiras culturais ou do libro nas que participemos.
Os inquilinos do Fogar son: Fernando M. Cimadevila, director editorial de Contos Estraños Editora, e David Cortizo: editor, tradutor e corrector en Urco Editora.”