Santiago: actividades destacadas do xoves 1 e venres 2 de maio na Feira do Libro

O xoves 1 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

18:00 h. A editorial Contos Estraños presenta Os novos camiños da autoedición, do selo O Fogar das Palabras.
19:00 h. Presentación da liña xuvenil de Urco Editora: O sol do pasado, de Jorge Emilio Bóveda e Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola.
20:30 h. Presentación da novela erótica Intensa e quente é a túa unidade azul, de Xulio Pardo Neyra, publicada por Positivas. Xunto ao autor participa no acto Francisco Macías.

O venres 2 de maio destaca:
19:00 h. Presentación do libro A industria do sexo e do peixe empanado, do escritor Emmanuel Pierrat, publicado pola Editorial Hugin e Munin.

Compostela: charla sobre a literatura nórdica a cargo de Alejandro Tobar

O martes 18 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría O Fogar das Palabras (Rúa dos Castiñeiros, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha charla sobre a literatura nórdica a cargo de Alejandro Tobar, responsábel da editorial Hugin e Munin, que presentará a novidade Mel de abellón, do sueco Torgny Lindgren.

O Fogar das Palabras: un novo espazo para os xéneros fantásticos en galego

Desde Praza:
“As historias de ciencia ficción, fantasía, steampunk e demais xéneros do mundo fantástico, teñen unha nova rampla de lanzamento. A libraría-taller O Fogar das Palabras en Santiago de Compostela abre outra vía de achegamento aos xéneros que van máis alá da simple ficción. Pero ademais, este espazo ofrecerá talleres de creación, de autoedición e mesmo unha plataforma para quen queira iniciarse na creación literaria desde os xéneros que tratarán os dous responsables do proxecto: Fernando Cimadevila e David Cortizo. Falamos con eles para que nos expliquen algo máis sobre esta iniciativa.
– Praza: Que é este lugar, O Fogar das Palabras?
– Fernando Cimadevila (FC): Pois podemos dicir que é unha mestura entre libraría e taller literario. Nós somos, antes que libreiros, editores. David é editor de Urco Editora e eu de Contos Estraños. Por iso decidimos crear un lugar onde poder levar adiante o noso labor como editores e ao mesmo tempo achegar aos lectores, aos autores e a aqueles que queren entrar no mundo literario, unha ferramenta para entrar neste mundo, a través dos talleres e a autoedición que ofertamos grazas ao selo propio que temos que é O Fogar das Palabras. (…)
– P: Hai elementos propios na ciencia ficción galega e a fantasía galega?
– David Cortizo (DC): Na ciencia ficción non, na fantasía ao mellor si polo substrato céltico e no terror o que xa comentaba Fernando, o agro-terror.
– FC: Outro punto sería a ambientación. En vez e ambientar as historias en Gran Bretaña, ambientalas en Galicia xa lles dá un punto distintivo.
– DC: Agustín Fernández Paz ten unha novela fantástica na que aparecen elementos como meigas e personaxes da mitoloxía galega.
– FC: En tal caso o importante é que se escriban cousas. (…)”

Compostela: inauguración de O Fogar das Palabras (Libraría – Taller)

Desde Redelibros:
O xoves 7 de novembro, ás 19:00 horas, na Rúa dos Castiñeiros, 6, baixo, de Santiago de Compostela inaugúrase a libraría-taller O Fogar das Palabras, un proxecto de Contos Estraños e Urco Editora.
“Trátase dun novo concepto de libraría, onde non soamente compartimos a paixón pola lectura, tamén o facemos pola escrita. Para iso creamos unha aula onde poderás participar nos nosos talleres, sempre relacionados co mundo literario e editorial, e impartidos por profesionais do medio. Neste novo espazo poderás entrar en contacto tanto con novos escritores como con editores, tradutores, ilustradores, deseñadores… Participar ou organizar presentacións de libros, recitais poéticos, palestras lingüísticas e calquera actividade relacionada co mundo do libro e as palabras. Creamos tamén un selo editorial para as vosas auto-edicións, as cales, e en cooperación con Sacauntos Cooperativa Gráfica vos axudaremos a sacar adiante desde a libraría con presentacións, venda e presenza nas feiras culturais ou do libro nas que participemos.
Os inquilinos do Fogar son: Fernando M. Cimadevila, director editorial de Contos Estraños Editora, e David Cortizo: editor, tradutor e corrector en Urco Editora.”