Entrevista a Dolores Vilavedra en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O seu útimo gran traballo sobre literatura galega atinxiu a primeira década do século XXI. Que valoración xeral fai do que levamos da década dos 10?
– Dolores Vilavedra (DV): Quizais o máis relevante é que nos estamos a afastar do modelo literario xerárquico organizado arredor dunha serie de nomes de referencia, indiscutiblemente canónicos. Hoxe pode parecer que impera un certo caos no que compiten diversas estéticas e parece difícil que algún escritor ou escritora recupere un liderado claro. Isto, que de entrada semella positivo, ás veces trae consigo unha certa desorientación, unha certa dificultade para separar o gran da palla e, nalgúns intres, mesmo sentimos que temos que aturar unha dose superior á habitual de mediocridade.
Satisfaime moito que esteamos a asistir á consolidación das propostas de numerosas autoras, tanto na narrativa coma na poesía. Están a demostrar gran capacidade para presentaren proxectos literarios singulares. Lembro cunha certa carraxe aqueles comentarios dos 90 de que “iso das mulleres era unha moda” ou “unha estratexia de marketing”… as mulleres non están de paso na literatura, viñeron para quedar.
Estraño, iso si, unha maior afouteza á hora de explorar as posibilidades que o ámbito dixital abre para a autoedición. Vexo que os autores e autoras seguen a depender do modelo convencional de edición, seguen a outorgarlles ás empresas “clásicas” –contra as que tanto se despotrica– o poder de mediar coa comunidade lectora. Por que apenas hai espazos propios na rede de literatura? Neste momento, calquera persoa que teña un proxecto literario e que estea convencida do seu valor e interese ten mil maneiras de espallalo. Miremos o exemplo dos xornalistas, en cambio. Nacen novas propostas, os profesionais ofrécennos con xenerosidade contidos moitas veces interesantes. Por que non se fai coa literatura? (…)
– B: Que opina vostede do cualificativo de literatura de mulleres? Existe unha vontade de xénero na escrita das autoras galegas?
– DV: De maneira global, a min gústame falar de literatura de autoría feminina, é a fórmula que procuro empregar. Dito isto, as xeneralizacións son sempre perigosas: é evidente que hai un grupo numeroso de escritoras que abordan a literatura dende unha conciencia explícita de xénero e dende unha vontade de comunicala mais non creo que sexa así en todos os casos. E, por outra banda, isto non quere dicir tampouco que todas as escritoras teñan unha idéntica conciencia de xénero. E quero crer que esa conciencia de xénero, cando se proxecta, é tan diversa como somos as mulleres. (…)
– B: O Día das Letras aínda segue a gozar de certa popularidade social e dun esforzo moi grande de todo o mundo cultural e educativo por reivindicar o homenaxeado. Como ve esta festa? Debería mudarse algo? Serve para mellorarmos a percepción sobre os autores ou simplemente aumenta a súa mitificación?
– DV: Véxoa esclerotizada. Penso que segue a ser útil como estratexia para rescatar, editar e poñer en valor determinadas autoras ou autores porque nesa liña aínda queda moito por facer. Ten, logo, un certo carácter arqueolóxico ou museolóxico, e o feito de que sexa eficaz como tal é un síntoma do déficit histórico que pexa sobre a nosa cultura.
Levo un par de anos pensando que, se cadra, a nosa verdadeira festa das letras debía ser o 24 de febreiro, aniversario de Rosalía. Vendo o éxito popular que están a acadar as diversas iniciativas que se organizan nesa data, coido que podiamos encamiñarnos por aí, facer dese día o noso Sant Jordi (coa vantaxe de que é laico!!!) e deixarmos o 17 de maio como evento máis filolóxico e académico. (…)”