Xulio Pardo de Neyra: “O sexo non é algo morno nin requintado”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Xulio Pardo de Neyra en Praza, e ligazón á entrevista na Cadea SER ao mesmo autor:
“(…) – Praza (P): Defines o libro [Intensa e quente é a túa humidade azul] como unha “novela pornográfica”? Por que pornográfica e non erótica, por exemplo?
– Xulio Pardo de Neyra (XPdN): É complexo, si, porque os límites entre erotismo e pornografía son particulares, é difícil establecelos. Ademais a pornografía está considerada como un xénero maldito ou case ilegal, puníbel. Pero eu considero que un texto erótico é aquel que suxire, algo incitante, e en cambio un texto pornográfico é aquel que mostra, e polo tanto é máis excitante que incitante. Esta novela podería ser erótica, pero nela cóntase unha historia e cóntase absolutamente todo o que ocorre, sen límites. O outro día na presentación do libro preguntábame: ‘este é un libro no que se fala de penes e de vulvas?’. E non, este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica. Fálase como se fala na realidade: un cando está fodendo non di ‘voute lamber a vaxina’. O sexo non é algo morno, nin cursi, nin requintado. (…)
– P: E en galego? Dá a impresión de que é un xénero que fóra do publicado por Positivas na súa colección de Narrativas Quentes non hai un gran corpus.
– XPdN: O galego é unha lingua que serve absolutamente para todo, tamén para o sexo. E é algo que está demostrado dende as cantigas medievais, que xa tiñan un contido sexual moi importante. Eu digo que a miña é a primeira novela pornográfica da literatura galega, porque hai novelas eróticas, ou poemarios, relatos…, e xa na Idade Media hai textos que falan de prácticas sexuais con xoguetes, coma o carallo francés, ou de violacións consentidas. Pero non se chegara ao nivel da pornografía, da que si hai moita tradición en Europa, por exemplo a través de George Bataille ou Pauline Réage. Hai unha traxectoria en galego, pero eu botaba en falta algo. Hai quen escribiu que non hai nada máis erótico que un capítulo de Anna Karenina no que os personaxes entran nun cuarto e quedan a soas. Pois para min non, a min non me vale. Quizais é porque os homes necesitamos outro tipo de impulsos para excitarnos, non somos tan sutís. (…)”