Entrevista de Xosé Gago a Agustín Fernández Paz en Galicia Confidencial Tendencias:
“(…) – Galicia Confidencial Tendencias (GCT): N’A viaxe de Gagarin, preséntasnos un tramo da vida do protagonista, alcuñado Gagarin, durante a súa adolescencia, e enmarcada pola carreira espacial. Que hai de Agustín na personaxe de Gagarin? (penso sobre todo no gusto pola lectura e o acceso a literatura prohibida)
– Agustín Fernández Paz (AFP): Cando Flaubert dixo o seu célebre «Madame Bovary son eu» estaba a expresar dun xeito rotundo unha evidencia: sempre hai algo do autor nos personaxes que crea. A min gústame dicir que escribimos cos fíos da vida, entendendo a palabra vida nun sentido que recolla toda a súa complexidade. Así que é lóxico que eu lle preste a Gagarin unha parte das miñas experiencias de mocidade (a dos libros prohibidos, por exemplo), aínda que estean convenientemente transformadas. (…)
– GCT: O amor entre Gagarin e Francesca é un amor “imposible”, xa que son de castas diferentes, porén, pertencen a esa xeración que debía rachar coa idea das dúas Españas… pensas que se fixo historicamente esa “unificación”?
– AFP: Na novela, non só son de distinta clase social; tamén pertencen a mundos enfrontados ideoloxicamente. E isto, nos anos do franquismo, tiña moita importancia. É certo que foron moitos os casos de parellas que souberon salvar esas diferenzas, mais tamén o é que as diferenzas de clase social seguen estando aí. (…)
– GCT: En canto ao valor da literatura. Gagarin recorda toda a historia dos seus pais no leito mortal da súa nai, en gran parte para transmitirllo á súa prole. Asemade, unha das personaxes do libro, escribe un diario que acaba caendo nas mans de Gagarin e legándolle segredos que doutro xeito non coñecería. Esa intención de legar á xeración seguinte, de transmitir aos “fillos” é a fin última da literatura?
– AFP: A memoria, a ansia de contar as experiencias, a necesidade de deixar constancia do noso paso pola vida… son poderosos motores literarios. A literatura vence o tempo e vence o espazo, dalgún xeito constitúe a memoria da humanidade. É marabilloso abrir Follas novas e escoitar a voz de Rosalía falándolle ao lector! (…)”