Desde Galaxia:
“Grazas á colaboración que desde o principio nos prestou a Fundación Castelao e á hospitalidade do Parlamento de Galicia, celebramos hoxe este acto de lembranza e de recoñecemento dun autor e dunha obra esencial para a Galicia contemporánea. Con este acto institucional, abrimos no Consello da Cultura Galega un programa de actividades de sensibilización e de difusión da obra máis emblemática de Castelao, Sempre en Galiza, que vai ter continuidade a partir de hoxe. Ímolo facer a través das nosas páxinas web, para poder chegar a novos públicos. Coa colaboración da Editorial Galaxia, estará dispoñíbel o texto enteiro de Sempre en Galiza, en edición dixital, que, pola súa vez, se verá enriquecido coa edición tamén dixital dos estudos introdutorios e dos cadernos publicados con motivo da edición crítica do libro, por parte do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago, en 1992. Alén diso, engadimos outros recursos, como vídeos e fotografías, unha biografía do autor e lecturas de Sempre en Galiza feitas por persoas, galegas ou non, que moran lonxe de nós. (…)
Este acto ten, con todo, unha orixe moi precisa, que cadra moi ben coa práctica rememorativa que é propia dos nosos tempos. Hai setenta anos, moitos centos de galegos que moraban en Bos Aires acudiron á chamada dos amigos “porteños” de Castelao (Rodolfo Prada, Manuel Puente ou Xosé Abraira) para festexar a publicación dun libro que xa daquela se anunciaba como un contributo esencial á cultura galega, escrito na súa maior parte no exilio. O libro era Sempre en Galiza, título que a última hora substitúe ao previsto de Co pensamento en Galiza. Acudiron a un banquete para honrar un libro e para escoitar o seu autor, un líder indiscutíbel do galeguismo republicano. Foi un acto que só se podía organizar nunha urbe como Bos Aires, a cidade que era daquela a capital da “Galicia ideal”, tal como a definiu o propio Castelao cando embarcaba en Nova York rumbo á capital do Prata, en 1940. A Galicia “real” nin tiña capital nin liberdade.
Aquel banquete merece ser recordado porque aquela xente quixo facer un acto de afirmación no ideal político que representaba o primeiro dos exiliados galegos nunha cidade chea de “emigrados”, que tal era Castelao. Hoxe recordamos un acto de irmandade celebrado en Bos Aires, pero recordamos, sobre todo, un libro que marcou o pensamento político de sucesivas xeracións galegas, da Terra e do exterior, desde a súa aparición ata hoxe. E co libro recordamos un autor que se volveu xa en vida un guieiro e que despois da súa morte sería convertido nun símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade, algo ben difícil nunha Terra moi dada a ter ollada de mordomo respecto dos seus líderes. Castelao foi quen de traspasar esta fronteira, coa súa executoria biográfica exemplar, coa súa capacidade para entender a política desde os sentimentos e as emocións e pola sinxeleza con que expresaba as súas ideas: “falaba co corazón na man”, diría tempo andado Lois Tobío nun texto evocador do guieiro.
A biografía de Castelao é a historia dunha extraordinaria mutación. De “xenial artista” chegou a ser un auténtico líder político, grazas ás oportunidades abertas pola II República para o exercicio da política, galeguista e democrática, por parte dunha espléndida xeración, a dos homes maduros de Nós e a dos máis novos do Seminario de Estudos Galegos, que acabaron atopando en Castelao o leme que precisaban para a súa navegación política. Nos tempos da República, Castelao foi definido, por Wenceslao Fernández Flórez, xornalista non moi adepto, como un “Gandhi” galego. E no exilio, para propios e alleos, Castelao acabou por representar o mellor do espírito e da alma de Galicia: “Los vascos le queríamos mucho”, dixo nun texto necrolóxico Manuel de Irujo, porque “el era el verbo de Galicia”. E V. Paz-Andrade, autor do memorable poemario Pranto matricial dedicado á memoria do irmán Daniel, confesáballe a Luís Seoane, en agosto de 1954, que Daniel “coma mito medra día e noite, alem e aquem do mar”. Ese mito chegou ata nós, e beizón aos que o fixeron posíbel, porque Galicia precisa de referentes fortes e Castelao, con Rosalía, é un deles… (…)”
Deste home é do que nos estamos a ocupar no día de hoxe. Pero sobre todo dun libro inmorredoiro que, por superar o paso do tempo, se tornou en obra clásica. Foi un gran legado o que Castelao lle fixo á cultura e ao pensamento político de Galicia. Porque a súa executoria política podería ficar esvaída nunhas lembranzas fuxidías e nos trazos brillantes dunha caricatura, dun mitin ou dun discurso como lles aconteceu a tantos políticos da altura. Pero Castelao tivo a coraxe de escribir un libro, como Sempre en Galiza, que ao mesmo tempo é un relato das experiencias políticas do autor, un ensaio que anovaba decisivamente a “teoría do nazonalismo galego” de Vicente Risco, e un longo catálogo de propostas para o porvir inmediato e, mesmo, de “utopías galegas”. Sen este texto, seriamos máis pobres intelectualmente e menos dignos politicamente…