Entrevista en Tempo de Lecer a Alfredo Conde:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): Chovida do ceo é o seu último traballo. Que se vai atopar nel o lector?
– Alfredo Conde (AC): Unha historia de policías coa que por veces te podes rir, por veces preocupar, verte obrigado a pensar nalgunhas outras, e preguntarte durante trescentas e pico páxinas quen centellas mataría á muller que apareceu espida e morta na praza compostelá da Quintana de Mortos, ó pe mesmo da catedral.
– TLO: O libro podería enmarcarse en novela negra, pero ten tocado outros xéneros e estilos. Hai algún no que se sinta máis cómodo?
– AC: Eu son escritor de novelas e un escritor de novelas ten que se desenvolver en todos os xeneros posibles se non quere ser só escritor de novelas de xénero e sentirse amputado na súa capacidade narrativa.
– TLO: En que atopa a inspiración á hora de crear?
– AC: Na experiencia propia e allea. Isto é, na experiencia do vivido, do lido, do escoitado ou do soñado, collidas todas elas polos pelos e pese a que a ocasión adoitan pintala calva, axúntanse ben, póñense a enfriar un pouco e logo déixase que quen ferva sexa a cabeza… De tal cocktail sae a novela. (…)”