Entrevista de Carme Vidal a Xulio Pardo de Neyra en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como se dá ese paso? Ten tres teses de doutoramento, o traballo máis académico, como se pasa de sesudo investigador a creador de sexo [Intensa e quente é a túa humidade azul]?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): A primeira é sobre Correa Calderón, pai do verdadeiro nacionalismo galego, pero a de Historia foi sobre o mito do cabaleiro e a terceira sobre a muller acuática nas literaturas europeas. A verdade é que cando un analiza a Fole, a Correa ou a Carvalho Calero pensa que nalgún momento tamén vai ser analizado e sinte vergoña de si van dicir que me gusta dominar ás mulleres, como se fixo con Pondal.Gosto da literatura pornográfica, resúltame excitante, gosto que compartín co meu pai que era afeccionado. Lembro ver con el os filmes que puñan no ciclo de medianoite na tele e el mesmo completou cos títulos que faltaban. Gústame ser consumidor de literatura pornográfica. Cando un escribe faino por catarse persoal, sobre algo do que gusta e nada mellor que crear cunha entrega total, con paixón. Hai quen me pode considerar tradicional, por ser pai de moitos fillos ou por pertencer a unha esfera máis tradicionalista mais non ten nada a ver co exercizo literario no que non hai temas malditos. O perfume é a historia dun home que mata raparigas, nárranse acontecementos delitivos, e non pasa nada. Porén, nunha obra literaria na que a xente fode pode pasar. Ao meu ver, ser un pervertido ou pervertida é unha etiqueta positiva. Considérome pervertido, se non é un aborrecemento. Todo o mundo pode recoñecer que fai cen quilómetros para ir comer a un sitio mais ninguén confesa que está desexando chegar a casa para foder.
– SG: A novela presentouse como a primeira pornográfica en lingua galega, a literatura galega é en exceso pudorosa?
– XPN: Moito, moito. Por desgraza somos herdeiros da literatura española. A literatura picante, os contos de Samaniego, por exemplo é moito, mais pouco explícito. A min gústame algo máis claro. Na Galiza somos moi tradicionalistas. O conto é que eu fago todo isto mais non se pode saber. Canto menos se saiba mellor. (…)”