María do Cebreiro: poesía = verdade no sentido máis radical

EntrevistaMaría do Cebreiro de Carlos Loureiro a María do Cebreiro en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E por que a inclinación cara o apartado lírico a pesar da presenza ao teu redor tamén da narrativa en xeral, tanto para lectores e lectoras máis xoves coma para máis adultos?
– María do Cebreiro (MC): Podería aventurar que para min a poesía ten moito que ver coa verdade: non coa verdade experiencial ou vivencial, identificada coas cousas que nos pasan, senón coa verdade nun sentido máis radical, con aquilo que nos pon en xogo como persoas, fronte a nós mesmos e fronte a outros. Por outra banda, si que tiven algunhas ideas para facer novelas, pero até o de agora nunca callaron. Polo 2005 andaba escribindo algo de ciencia ficción que ía chamarse No land (isto dos títulos de libros que non existen é algo moi cunqueirián, pero ao tempo moi real). Logo comecei cun proxecto, unha caste de deconstrución da épica nacional, que se chamaría A guerra, título –e fragmentos- que logo foron dar ao libro de poemas que asinei hai dous anos con Daniel Salgado. E teño tamén escritas algunhas prosas, de corte máis intimista e conectadas co libriño O grupo, que pensaba titular A verdade. En todo caso, nunca vivín a literatura en termos de xéneros literarios, senón en termos dunha continuidade fluente da escrita que penso que me vai levar a onde me teña que levar en cada intre.
– NG: E tamén dicirmos que en ti conviven dous espazos literarios: o creativo e o crítico… Como se comportan estes dous espazos á hora de escribir?
– MC: Pois como dous cativos que teñen que estar moi caladiños para que a súa “nai” se concentre e escriba. Bromas á parte, o que quero dicir é que eses dous espazos en xeral son como vasos comunicantes, pero hai outras veces nas que é bo que estean xebrados, para que a enerxía de cada un deles poida traballar ao seu ritmo. En calquera caso, vexo fondas relacións entre algúns proxectos ensaísticos e outros poéticos. Por exemplo, hai un fío moi claro entre As terceiras mulleres e (nós, as inadaptadas) ou entre Fogar impronunciable e Non son de aquí. E na medida en que concibo a poesía como un xeito de coñecemento, ao cabo investigación e creación non me parecen territorios tan distantes.
– NG: Ben sabemos como anda o mundo editorial en Galiza, especialmente a nivel lírico… Xa podemos ver como moitos poemas teus andan a vogar pola rede… Está o futuro da nosa lírica na rede, incluso para ser máis coñecida a nivel internacional?
– MC: Non creo que só o da nosa lírica, senón que a difusión da literatura está a experimentar mudanzas decisivas a día de hoxe, que por suposto que afectan tamén (aínda que creo que non só) ao soporte no que se publica. Quizais non sexa tanto que nos esteamos a mover do mundo impreso ao dixital, porque ambos coñecen intensas transferencias mutuas. O máis interesante, ademais desas novas canles para a publicación dos poemas, é a emerxencia de pequenos selos editoriais onde atopan saída propostas novidosas que o terían moito máis difícil nun mundo monopolista, ou repartido entre só dúas grandes editoras. (…)
– NG: E claro, vendo o anterior, non podía ser doutra maneira de que en ti e na túa obra xermolase o compromiso feminista…
– MC: Creo que o fundamental é o meu compromiso co pensamento crítico. Iso leva de xeito natural cara a calquera tipo de cuestionamento, e mesmo cara ao cuestionamento dalgúns aspectos da tradición feminista, ou da súa articulación presente, cos que non sempre concordo. (…)”