Entrevista de Carme Vidal a Bautista Álvarez en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Un ano despois do libro de relatos Retallos daquela infancia, publica a novela Cuarto minguante. Para o que demorou en publicar van moi seguidas. Tamén é así o proceso de escrita?
– Bautista Álvarez (BA): A novela escribina no ano 2013 mais tardou en publicarse. Non é que comezara agora a escribir. Fágoo desde moito antes, o que pasa é que boa parte dos meus escritos non aparecen co meu nome. Colaborei moito en Terra e Tempo mais os artigos non están asinados polo autor. Outros están recollidos en dous tomos de Obras escollidas, cada un del de trescentas páxinas e está por saír un terceiro libro. Claro está que son obras distintas e a novela e os relatos son ficción, aínda que moitas veces estean fundamentados na realidade. (…)
– SG: Lamenta que a emigración non fora máis tratada na nosa literatura.
– BA: Xa digo ao principio que a Nova Narrativa débelle aínda a grande epopea galega á emigración. Diríalles que foran a América e se puxeran en contacto cos nosos emigrantes. Fago referencia á escena que contemplei menos de un ano antes de que partira o barco Santa María. Teño na memoria como a xente se despedía nos barxos, uns arriba e outros abaixo, e iso ten pouco reflexo na literatura galega. Sucedía no porto de Vigo, cidade na que hai tan bos escritores que non contemplaron o tema na súa obra. É un verdadeiro drama e merece ter máis consideración literaria.
– SG: A presenza da emigración é moi forte e orixinou historias de gran intensidade, como explica entón esa ausencia?
– BA: Está presente en todas partes. A emigración a América é o verdadeiro drama. É distinta á que se produciu por Europa porque eles non perderon o contacto co país, construíron aquí as súas casas e viñan nas vacacións de Nadal e do verán. Era como os que estaban en Euskadi ou Cataluña. A de América non, ás veces non volvían nunca. Eu non trato de escribir as historias da emigración. Na novela hai parte que é real mais outra é fantasía, aínda que se fundamente na realidade. (…)”